FERROL360 | Xoves 12 novembro 2015 | 18:58
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuniuse este xoves con alcaldes e concelleiros das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña, para abordar conxuntamente a situación da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte.
Vázquez informoulles que o Grupo Parlamentario Popular trasladou a súa intención de presentar unha emenda aos Orzamentos de 2016, que permitirá destinar 400.000 euros adicionais a avanzar nas expropiacións necesarias para esta vía.
A través desa partida, a intención do Goberno galego é comezar o proceso expropiatorio polo tramo San Sadurniño-Sanguiñeira, por ser este o que aglutina maior densidade de tráfico e que conecta coa autovía Ferrol-Vilalba.
Na xuntanza analizáronse as contas autonómicas, que recollen 6,2 millóns para o remate do treito Celeiro-San Cibrao desta VAP. A conselleira trasladou a intención do Goberno galego de dotar aos veciños das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra dunha rede de estradas segura e eficiente, que contribúa ao desenvolvemento e ao incremento da competitividade destes territorios.
Inversión insuficiente
A concelleira de Urbanismo e Infraestruturas de Ferrol, María Fernández Lemos, asistiu a esta reunión e lamentou a escasa e «insuficiente» inversión prevista por parte da Xunta para esta obra. Fernández Lemos di que supón «tan só un xesto» sen repercusión real para o seu remate próximo.
A edil sinalou que, tendo en conta que o custe da Vía entre Ferrol e San Cibrao ronda os 600 millóns de euros e que só se investiron 100 millóns desde 2009, co orzamento actual esta infraestrutura non estará rematada en «alomenos 30 anos».
Fernández Lemos censurou que a Xunta non priorice a inversión nunha vía que da servizo a preto de 200.000 persoas, o que supón case un 10 % da poboación de Galicia.
Por último, acordouse manter unha nova reunión en marzo de 2016 para concretar as actuacións seguintes.