A Esmorga é a historia dun día na vida de tres personaxes, o Bocas, Milhomes e o Castizo. Narrada por este último, conta a andaina á perdición dos seus compañeiros logo de pasar unha xornada deambulando por terras ourensás. Seguramente á maioría coñecen esta historia xa que Blanco Amor conseguiu que se convertera nun clásico da literatura galega e de lectura obrigada nos centros de educación secundaria.
Agora, case corenta e cinco anos máis tarde da publicación en Galicia deste libro –publicouse en 1970-, o director Ignacio Vilar -coñecido por outras producións como Pradolongo ou Vilamor-, fai chegar a todos, e subraiamos todos, os cines de Galicia esta nova adaptación de A Esmorga. Faino con tres actores de gran calibre como Miguel de Lira, Antonio Durán Morris e Karra Elejalde, que aínda que non é galego soubo adaptarse o papel sen problema.
Esta mañá tanto o director como o actor vasco acudiron ó auditorio do Campus Universitario de Esteiro para presentar o filme que se estrea hoxe en tódalas salas de cine de tódalas provincias galegas. Como así afirmou Karra Elejalde, «vamos a cargar con todas las balas en Galicia».
Xunto coa vicerreitora da UDC de Ferrol, Araceli Torres Miño, e alumnos de Relacións Laborais e Recursos Humanos do mesmo Campus, deron a coñecer as claves desta película e o longo traballo de promoción no que levan dende fai dez días ata este venres, día da súa estrea, cando se verán os resultados do traballo.
Ignacio Vilar comparou dita promoción co ataque americano na guerra de Irak. «Primeiro soltamos os mísiles, que son os carteis que colocamos en tódalas provincias e centros escolares. Máis tarde chegaron as tropas, que seríamos nós percorrendo as principais cidades coa presentación da película», explicaba o director. E como tan só tiveron dez días para recorrer Galicia dunha punta a outra, para poñerse en contacto cos colexios da zona empregaron as últimas tecnoloxías. Neste caso, en Ferrol conectaron dende o auditorio do Campus con varios colexios da comarca cunha simple camariña, coa que os alumnos puideron facerlle preguntas ó director en total directo.
Tres millóns de presuposto foron necesarios para levar á cabo esta película, nos que 150.000 euros xa foron dispostos tan só para a escenografía. Unha inversión que terá que verse amortizada nos cines ó longo deste fin de semana, que será «trascendente», segundo palabras do actor Karra Elejalde, para que continúe durante unhas semanas máis en carteleira.
Unha aposta polo cine galego que servirá para que «chegue a cultura de Galicia a outras comunidades» se conseguen encher as butacas das salas. Un reto difícil de alcanzar tendo en conta a competencia coas producións norteamericanas que acaparan cada semana os carteis das estreas.
A elección dos actores tampouco foi froito do azar, Ignacio Vilar asegurou que estivo durante meses facendo probas con actores galegos e doutras partes do país «na busca de tres personaxes que viaxaran cara un destino tráxico», sinalou o cineasta. O resultado pode verse na pantalla; unha combinación entre dous dos actores máis recoñecidos no panorama galego como son Morris e de Lira, que non puideron acudir á presentación en Ferrol por motivos persoais e profesionais, e un Karra Elejalde que soubo adaptarse ó seu papel de Bocas.
O intérprete vasco descoñecía a obra de Blanco Amor ata o momento no que Ignacio Vilar púxose en contacto con el para facer esta película, e lamenta que sexa un «escritor castigado por escribir na súa lingua e pola súa condición homosexual». Ademais, considera que un clásico debe selo en todas partes, sen importar en que idioma estea escrito e afirma que Blanco Amor «era bueno y la obra maravillosa».
Elejalde confesa que ó principio tivo medo de interpretar o personaxe en galego, pero que tiña moito interese en traballar cos seus dous compañeiros de reparto. En canto á pregunta que moitos pensamos sobre se tivo que aprender a nosa lingua, Karra Elejalde é sincero, «respecto moito o meu, o cal descoñezo máis da metade, polo tanto respecto tamén calquera outro idioma». O actor tan só aprendeu a falar «as palabras necesarias para o guión». Recoñece que non podía estar o cen por cen na interpretación atendendo ó galego, xa que ademais, a película está gravada en plano secuencia, é dicir, sen cortes. Aínda así, Elejalde manifestou que documentarse era parte do seu traballo coma actor e mostrouse satisfeito co resultado.
Dende hoxe ata o domingo será clave a asistencia nos cines para ver A Esmorga. Meses de rodaxe, días intensos de promoción, pero agora a resposta a ten o público. Unha adaptación que aseguran que respecta fielmente o libro de Blanco Amor e que agardan que non se quede tan só en Galicia senón que chegue a festivais e ao resto do país.
Así que xa sabedes, dende este serán podedes ver a o Bocas, Milhomes e o Castizo tanto nos cines de Odeón como nos Dúplex de Esteiro.