Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / Xaime Quintanilla proclama a República

Xaime Quintanilla proclama a República

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Venres 8 abril 2016 | 9:51

O reloxo da Porta do Dique marcaba as seis da tarde. Xaime Quintanilla, Matías Usero e Alfonso Quintana estaban asomados ao balcón da casa consistorial do Cantón de Molíns. O 14 de abril de 1931 era un día solleiro. Eles anunciaron o triunfo da República á multitude congregada. Foi tal o entusiasmo que algunha xente realizou con papel improvisados gorros frixios, símbolo da emancipación dos escravos.

En Ferrol, a alianza republicano-socialista conseguira 26 dos 33 concelleiros. De maneira unánime adoptan as primeiras medidas: comunicar ás demais autoridades a proclamación da República, declarar o día seguinte feriado e retirar da presidencia o retrato de Alfonso XIII para o substituíren polo de Concepción Arenal. Ás beiras da ilustre ferrolá colocan as bandeiras republicana e vermella. Aliás, penduran os retratos de Pablo Iglesias e Francisco Suárez.

fr.jpeg

Ás tres da tarde do 15 de abril, saíu do Cantón unha inmensa manifestación en dirección á Capitanía. Ao pasar pola casa de Santiago de la Iglesia, na rúa Canalejas 161, o ancián líder do republicanismo chora ao sentir a Marsellesa. Fronte ao Centro Republicano, o coro Ecos da Terra entoa o himno galego.

fr2bis.jpeg

Ás once da mañá do domingo 20 de abril, reuniuse a nova corporación municipal. Xaime Quintanilla asumiu formalmente a alcaldía. Tiña 32 anos. Nun emocionado discurso expresou a súa satisfacción por despedir a «putrefacta e maldita monarquía española» e, máis unha vez, reafirmou o seu compromiso «coas aspiracións da clase traballadora». Con estas palabras encetou aquel tempo de esperanza.

fr3bis.jpeg
fr4bis.jpeg

*Os roteiros de ‘Ferrol Rebelde’ guiados por Marcos Abalde son os sábados e domingos, ás 11:00 e 17:00 horas. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies