Home / Cultura / Xoán Rubia: «Aínda teño ansias de cantar, o premio da Room é unha inxeción de moral»

Xoán Rubia: «Aínda teño ansias de cantar, o premio da Room é unha inxeción de moral»

MARTA CORRAL | Ferrol | Sábado 26 outubro 2019 | 19:04

A finais de decembro do 1973, poucos días despois do atentado que acabara coa vida de Carrero Blanco, Xoán Rubia cantou nunha festa celebrada no Tenis Club, en Ferrol. Só, rabuñando na súa guitarra, rematou cantando o Himno Galego. Algúns dos presentes suxeríronlle que cantara o Cara al Sol e o mugardés negouse. «Aquelo foi un desfase, quixeron pegarme… Estes días sentín un calafrío pensando que estabamos volvendo a eses tempos».

A Rubia non lle gustará que diga del que é memoria viva da cultura de toda unha comarca, pero é. Non lle gustará porque pensará que lle estou chamando vello e porque o seu non é a fachenda, pero admito neste segundo parágrafo para que vaia por diante que con Xoán Rubia non podo ser imparcial. Así que cando os recoñecementos chegan a tempo ás persoas boas e xenerosas, da gusto de máis e cómpre dicilo.

Este sábado, a partires las 22:30 horas, a Sala Room homenaxea ao músico da outra banda entregándolle o seu premio de honra. «Chegoume con moita ilusión, emotividade… Como sempre cando recoñecen a túa traxectoria. Pero tamén penso que é algo que só lle conceden aos vellos. Síntome Kirk Douglas con 103 anos recollendo o Oscar honorífico», fai unha chanza ao outro lado do teléfono, na súa vila. Para el a homenaxe será, por riba de todo, unha reunión de amigos, un convite «revitalizador» e, por iso, agradécella a sala por ter pensado nel.

Da súa dilatada carreira onde compartiu a etiqueta do colectivo Voces Ceibes e a chamada Nova Canción Galega, Rubia lembra con ilusión cando recibiu a nova de que ía gravar o seu primeiro disco a finais dos sesenta. No seu inventario de vivencias musicais ten un oco especial o día que gravou con 40 músicos en directo, un fito que hoxe é case que impensábel e, como non, cando tocou no parque de Castrelos en Vigo ante 14.000 persoas nun festival da que fora a súa discográfica, Philips.

Ese foi un «punto de inflexión» na súa carreira, anos de valentía onde cantar en galego e facelo a prol da liberdade puido saírlle caro. Cómpre lembrar que foi o primeiro en musicar os poemas galegos de Lorca: «Nunca tiven medo. Visitei algunha comisaría para dar conta e paguei multas. Ás veces tiñas que autocensurarte nas entrevistas e ter trucos para esquivar aos censores, os meus pais aturaron ter un fillo díscolo», sinala irónico.

O Sinatra gamberro de Mugardos

Estes días Xoán meteuse de novo ao ensaio con moitos dos seus amigos, cos que botará este sábado unhas pezas. «E Fran Rey, o pianista, dixo que isto habería que seguilo. É certo que isto supón unha inxeción de moral, a ansia de saber que un aínda no está morto. Pero nestas cousas tes un momento de subidón e, cando pasa a romaría, baixas da nube», analiza.

«Pero aí están os Rolling, por exemplo, ou estivo Sinatra e eu non me teño porque achicar» ri, engadindo que «seguirei sen facer grandes producións, sen condicións técnicas, pero de momento adiante. Aínda teño ansias de interpretar. Iso si, se podo entrar no patético, recollo velas». De momento, para Xoán o primeiro non será recollelas senón sopralas porque, ademais da homenaxe musical, Rubia cumpre este domingo 72 anos.

E que dentro de moito siga festexando o aniversario nos escenarios, coa súa Rosi e toda a familia, cos seus amigos. Que desobedeza tamén daquela iso que lle dicía a súa nai con sorna: «Sabes o que che digo? Que sería moito mellor que fixeras cancións coma as de Julio Iglesias ou Francisco e non andiveras facendo o gamberro coa guitarra por aí».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies