FERROL360 | Mércores 13 xaneiro 2016 | 17:50
Xuntanza entre a a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas e o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, para correxir os erros que deben introducirse no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Cabe lembrar que a Xunta emitiu no mes de decembro unha Orde de non aprobación do PXOM.
O encontro, ao que tamén asistiron os voceiros dos grupos que forman a Corporación Municipal, Javier Crespo do Partido Popular e Antonio Salvadores do BNG, serviu para marcar a folla de ruta que seguirá o documento cara a súa vindeira aprobación definitiva.
Así, os técnicos do equipo redactor do PXOM e os do departamento autonómico resolveron as dúbidas e consensuaron os criterios técnicos que lle serán de aplicación ao documento, cando sexa novamente remitido á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
En ambos casos, coincidiron en que se trata de cuestións menores, xa que a maior parte dos cambios obedecen a erros gráficos ou de documentación, o que permitirá dispoñer nun prazo de dúas semanas dun documento practicamente pechado.
Prazos
Os prazos que manexa o alcalde pasan por aproveitar as vindeiras dúas semanas para dispoñer dun documento o máis aproximado posible ao acordado no transcurso da xuntanza deste mércores.
O obxectivo é manter un novo encontro técnico coa Secretaría Xeral para avaliar as correccións incorporadas ao documento antes de que remate este mes xaneiro. Unha vez superado este trámite, o PXOM irá a Pleno e a continuación remitirase á Xunta para a súa aprobación definitiva.