Home / Cultura / Xustiza para Carvalho Calero: o profesor será homenaxeado nas Letras 2020

Xustiza para Carvalho Calero: o profesor será homenaxeado nas Letras 2020

FERROL360 | Martes 18 xuño 2019 | 17:23

O profesor, lingüista e intelectual ferrolán Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado nas Letras Galegas 2020 logo de recibir ata sete negativas nos derradeiros anos por parte da Real Academia Galega. A falta de ratificarse no pleno da RAG, existen dúas propostas impulsadas por distintos grupos de académicos en apoio á figura do ferrolán.

Segundo informa Europa Press, unha destas propostas conta cuns trece respaldos, entre os que destacan membros da actual executiva, e outra cos membros do plenario que levan anos presentando a candidatura de Carvalho e defendendo a súa importancia como personalidade literaria.

Este último grupo trasladou o seu malestar por este cambio de rumbo da RAG que interpretan como un intento de desviar a atención sobre a exclusión de Carvalho da homenaxe ata en sete ocasións. A última este pasado ano.

O colectivo fixo público un comunicado para compartir o seu punto de vista, asinado polos académicos Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas Barrós e Xosé Luís Regueira Fernández.

«Fontes da Academia referíronse publicamente ás dúas propostas como a «minoritaria» e «maioritaria». En realidade son, por unha banda, a proposta que se fai por sexto ano consecutivo, e, por outra, o proposta froito da presión externa e interna, que ten como finalidade principal impedir que un grupo de académicos leven o mérito de presentar a Carvalho por criticar o rumbo que lle imprime á RAG a súa actual Executiva», denuncian.

Reivindicaron, ademais, o «inmenso traballo» de Carvalho Calero como «crítico, ensaísta e creador literario», e tamén por encarnar os valores do «antifascismo e o galeguismo»: «Somos conscientes da opción reintegracionista que defendeu Carvalho desde mediados da década de 1970, pero consideramos que a Academia non debe temer o debate normativo».

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies