Home / Actualidad / «A instalación do parque eólico suporía a perda da necrópole do monte do Chá de Brión»

«A instalación do parque eólico suporía a perda da necrópole do monte do Chá de Brión»

Martínez e Casal no Chá de Brión (foto: Alicia Seoane)

TEXTO e FOTOS: ALICIA SEOANE | Ferrol | Mércores 19 de maio 2021 | 11:27

Fernando Martínez é membro da Asociación de Comuneiros do Chá e Antonio Casal da Asociación de historiadores de Ferrolterra Antiga, dúas entidades que comparten inquedanzas, entre elas a protección do monte de Brión, un espazo natural onde temos unha necrópole de mámoas datada de hai uns tres mil anos. Todo un conxunto de 29 túmulos case imperceptíbeis e abandonados á sorte da natureza. Un deixamento por parte das administracións que fan que os monumentos máis antigos que temos en Galicia estean nun completo abandono.

Inimaxinable pensar nunha pirámide exipcia derruída onde a xente subise a merendar. O escenario non se presenta moi bo. Enriba da mesa semella que se está a expor a posibilidade da construción dun parque de mega eólicos que suporía a destrución non só da necrópole, senón tamén de toda a riqueza paisaxística da zona. Paseando por riba do monte do Chá falamos con Fernando e máis Antonio este mesmo luns, Día das Letras Galegas, nunha mañá de sol e có silencio ao noso favor.

FERROL360 – Que supón que un monte sexa de propiedade comunal?

FERNÁNDO MARTÍNEZ – O monte do Chá, dende tempo inmemorial, foi un monte de pertenza ás parroquias de Brión e Doniños. A veciñanza facía uso del colectivamente para distintas cousas: pastoreo de gando, leñas, aras de centeo… O que fose necesario para a supervivencia da comunidade labrega. Nos anos 60 os montes foron expropiados polo patrimonio forestal do Estado e entregados aos concellos e sometidos a planes de repoboación forestal do Instituto pola Conservación da Natureza (ICONA). No 2019 o Concello recoñece por ordenanza municipal a xestión e usufruto pola parte dos veciños e creamos a Asociación de Comuneiros do Chá para poder coidar do monte.

360 – Como levades a cabo a xestión deste monte?

FM – O monte está nun estado de abandono e estamos a iniciar distintas propostas para o seu coidado. Por exemplo, iniciamos unha corta de madeira de eucaliptos ventureiros que medraron no monte. Tamén estamos a tramitar subvencións para reforestar 12 hectáreas con especies propias: castiñeiros, bidueiros e carballos. Queremos pór en valor o patrimonio arqueolóxico coma esta mámoa diante da que estamos. Descubrímola co traballo de voluntarios hai ano e medio. A idea é poder facer unha ruta para ver e sinalizar as 29 mámoas que temos neste espazo.

Temos outros proxectos de reacondicionamento, como por exemplo para outras 30 hectáreas de cabalo galego de monte, como se fai no Forgoselo ou na Barbanza. Fundamentalmente estes son os proxectos. Porén, a idea é a creación dunha comunidade veciñal unida polos traballos do monte que revertan nunha mellora na contorna e na veciñanza, e que poidan xerar unha economía endóxena. E isto reverte no conxunto da comarca, xa que o monte é accesible para todos.

Moita xente fai uso del e non son veciños. O uso social do monte é importante e por iso outros colectivos coma o Club de Montaña de Ferrol, Adega, a Asociación de Custodia do Territorio Bétula ou a Asociación Ferrolterra Antiga, entre outros, están axudando na conservación e posta en valor do Chá. Queremos que sexa un proxecto de custodia do territorio para coidar do noso, poñelo en valor, desfrutalo toda a veciñanza e as xeracións futuras.

360 – Antonio, como traballades desde a vosa asociación na posta en valor do patrimonio cultural deste espazo?

AC – Nós estamos a traballar desde a posta en valor dos monumentos funerarios; por exemplo, facendo rutas e explicando á poboación o que son as mámoas. Traballando coa idea de que estes son os monumentos máis antigos que temos en Galicia. E isto entronca cunha cultura que vénse dando noutras partes e que é coñecida como o fenómeno do megálito. Aquí estes monumentos vencéllanse coa cultura que se vén a ver no eixo Atlántico dende Antequera, Portugal, a costa da Bretaña francesa e chegando ata Irlanda.

Debaixo dos túmulos, que son os monumentos máis frecuentes, atopamos vestixios de hai miles de anos. As veces cámaras de enterramento. Para entendernos: unha mámoa é unha forma popular que se lle da a estes túmulos de terra onde baixo eles enterrábase a xente. Podían ser individuais ou colectivos. Estes ritos foron cambiando porque déronse ao longo de 3.000 anos. A medida que a sociedade vaise xerarquizando os túmulos tenden a ser de menor tamaño e máis individuais, pero con maiores enxovais.

360 – Cal é a importancia patrimonial de coñecer como foron enterrados os nosos antepasados?

AC Todo isto nos amosa as distintas formas de coñecer a morte, pero tamén de coñecer a vida. Isto axuda a abrir a mente a como funcionaban outras sociedades. A primeira vez que vemos un esforzo por conectar un espazo físico coa tribo é nestes monumentos. Facíanse para deixar unha constancia de si mesmos. Do propio home. E isto é o principio da antropoloxización da paisaxe. Cando home deixa unha pegada da súa existencia que conecta tamén coas súas crenzas como cultura e da súa cosmovisión.

360 – Todo este patrimonio posto en valor e ben coidado tamén podería ser unha fonte de riqueza?

FM – Si, nese sentido están a traballar dúas compañeiras da asociación que andan na procura de subvencións para a recuperación de todo este patrimonio que temos aquí diante. Na liña de sinalizar ou traballar coa Universidade en proxectos de investigación. [Pasan uns ciclistas nese intre]. Como ves, antes falabamos do uso social do monte. Este espazo é moi visitado e usado por moita xente que vén gozar da natureza. Tamén fixemos plantacións de árbores autóctonas cos rapaces do CEIP A Laxe, de Valón.

AC – Aquí estamos diante dun patrimonio que ten a mesma antigüidade que as pirámides de Exipto, imaxina a nivel arqueolóxico o que isto representa… Non é calculábel. Caben moitas propostas, desde traballos coa Universidade até atraer estudantes e investigadores. Esta necrópole ten un valor a moitos niveis onde poden caber moitas propostas: investigación, educación, intervencións artísticas…

360 – Agora mesmo vos estades mobilizando por un proxecto que suporía a instalación dun parque eólico neste monte. Que consecuencias tería que este proxecto se levara a cabo?

AC – Dende a perspectiva patrimonial é moi negativo e non é que o digamos nós. O mesmo arqueólogo que fixo a catalogación xa advertiu do risco de dano e perda deste patrimonio. Moitas destruiríanse. Habería grandes camións pasando por riba deste espazo, así que toda a área de protección das mámoas quedaría alterada. Os cen metros en circunferencia ao redor da mámoa quedarían danados. Xa perderíamos a información que podemos obter nesta área.

FM – Proxectan un parque de macroeólicos de 200 metros de altura, seis metros de diámetro das torres, 26 metros de diámetro das zapatas de formigón onde irían asentadas, 2.200 metros cadrados para cada un deles… Para instalar todo isto precisan facer unhas pistas de acceso que afectarían a 15 hectáreas de monte. Falamos tamén do ruído constante que farían estas torres. Sería a completa destrución dos valores patrimoniais, paisaxísticos, naturais e de usos sociais que acabamos de falar. Sería a destrución absoluta deste espazo natural.

Hai un proceso de especulación cos dereitos dos eólicos. Ás veces é unha empresa a que se ocupa de ter os dereitos de explotación, pero pode vendelos a outra para sacar máis cartos. Neste caso a promotora é unha compañía con sede social en Cambre, pero non sabemos ben quen pode estar detrás. Non comprendemos que o Concello poda saltarse a ordenanza municipal que asinou no 2019 onde tiña o compromiso de velar polos usos sociais do monte. Este proxecto de eólicos non vela polos intereses que asinaron nese documento legal.

360 – Nun momento tan complexo a nivel de traballo na comarca pode parecer que defender o monte sexa tirar pedras ao noso tellado. Os eólicos poden deixar traballo e ser unha alternativa a crise laboral que sofre Ferrolterra?

FM – Eu creo que hai moita xente coñecedora de que este tipo de proxectos non deixan nada a poboación, nin xeran postos de traballo; pero si pode haber medios de comunicación interesados en favorecer a determinadas empresas que teñen os seus propios intereses. A realidade pódese comprobar dun xeito doado. En concellos como o de Muras, onde hai máis eólicos instalados, non deixaron de perder poboación. Dan riqueza ás empresas promotoras pero non xeran emprego ao redor delas.

AC – Non podemos pensar que por facer un parque aquí imos solucionar un problema que é estrutural no tecido industrial de Ferrol. Dixeron o mesmo coa plataforma de Reganosa e xa vimos que isto non vén solucionar os problemas de traballo da cidade. Temos os mesmos problemas ou maiores.

360 – Tedes planificada unha ruta o vindeiro domingo 23 polo monte do Chá para explicarlle á poboación como afectaría este proxecto ao monte, de que se trata esta proposta?

FM – Como estabamos a falar, tivemos unha xuntanza no concello convocada por todas as asociacións que estamos a reclamar a protección do monte, colectivos que xa estaban a funcionar neste territorio. Sen ser unha plataforma organizada funcionamos como tal na defensa destes intereses sociais, patrimoniais e naturais. O vindeiro domingo imos ofrecer á xente a posibilidade de achegarse ao monte e coñecer o seu valor, moita xente non coñece o que son as mámoas, nin a súa importancia, nin son sabedores do que supón o uso social deste espazo. Por iso animamos á xente a achegarse e facer a ruta porque paga a pena camiñar neste lugar.

*Nesta ligazón podes atopar información e coordenadas da quedada para a ruta do vindeiro domingo 23 de maio ás 10:00 horas. Na entrada do campo de fútbol da Cheira de Brión.

2 comentarios

  1. Eres un mentireiro, claro que non suporia a solución do traballo na cidade , pero si axudaria e atraería mais relacionado co parque eólico, non solo seria os postos directos , os montes como dis son de todos non solo dos veciños de doniños , xa vimos fai anos o que fan nos montes comuneiros coma no de cobas, quitaronlle a os vecinos de ferrol un espazo de ocio do pinar por avaricia duns poucos e agora o teñen vallado e prohibido o acceso , neses montes o que tiñan que facer eran convivir e pedir a recuperación das mamoas que son nosa historia e tamen un proxecto do parque e tamen mais empresas que serán cobertura a o porto exterior para defender o noso futuro , todo ten solución si se fan as cousas con cabeza

    • Yavaledecoñas

      O problema é que os «donos» dos montes de Brión só queren unha cousa: plantar eucaliptos por un tubo. Orixinal, non si? E un parque eólico destrozaría un entorno natural que, ben xestionado, podería ser a base para crear riqueza e «marca». Polo tanto, nin eucaliptos nin parque eólico. O que necesita Ferrol é un polígono industrial en Santa Icía ou en Catabois, non un parque eólico.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies