Home / Cultura / A revista ‘AÍ’ cumpre 12 anos apostando pola cultura feita en Ferrol

A revista ‘AÍ’ cumpre 12 anos apostando pola cultura feita en Ferrol

Miguel Toval, no local da editorial na rúa Galiano de Ferrol, por Alicia Seoane

TEXTO e RETRATOS: ALICIA SEOANE | Ferrol | Xoves 3 decembro 2020 | 14:54

Alá polo 1993 catro persoeiros do mundo dos medios de comunicación xuntáronse coa idea de crear un xornal gratuíto feito en Ferrol. Esa iniciativa foi o xermolo da creación de Edicións Embora, un símbolo senlleiro da cidade naval capitaneado máis de 25 anos despois por dous daqueles homes: Francisco Rodríguez e Miguel Toval.

Falamos con Toval estes días nos que a súa revista cultural cumpre 12 anos informando cada mes das novidades da cultura feita en Ferrol, todo un reto que eles teñen acadado con éxito. Lembra que naqueles primeiros anos déronlle unhas cantas voltas a súa idea inicial e comezaron a editar Crónica de Ferrolterra, unha publicación que mesturaba a actualidade política e a sátira e que chegou aos 70 números.

«Moitos proxectos teñen unha vida que non hai que forzar», precisa Miguel en relación co fin daquel proxecto. Foi en 1995 cando arrincan coa edición de libros. O primeiro deles foi unha recompilación de columnas xornalísticas do historiador Guillermo Llorca titulado Ferroláns, que se esgotou moi rápido e animoulles a continuar.

«Os primeiros quince anos foron de aprendizaxe, de coñecer o sector, de ir definindo as liñas da editorial. Co tempo deixamos morrer a parte de edición xornalística da empresa e centrámonos nos libros e na xestión cultural», explica. A primeira das coleccións da editorial, que aínda existe, foi Biblioteca de Ferrolterra, inicialmente de historiografía da comarca e hoxe máis ben unha miscelánea.

Trátase de todo un tesouro que vela pola historia e os costumes de Ferrolterra dándolle o valor merecido aos seus persoeiros e tamén ás súas xentes anónimas. Foi así como a empresa «foi dando pasos moi naturais» e, por exemplo, nese momento no que os que traballan nela comezan a ter fillos empeza o interese por títulos nos que non repararan antes.

«Comezamos a facer libros para nenos cando tivemos a necesidade de ir ás librarías na procura de libros para os nosos fillos», lembra Toval que, como anécdota, apunta que pouco antes de abrir a primeira colección infantil, Fardel de soños, rexeitou dous libros moi bos porque «non posuíamos aínda onde situar aqueles títulos que quedaban fóra do noso radar». Un deses autores publicou con Embora tempo despois.

A entrada na edición infantil e xuvenil fixérona con iso que no sector coñécese por álbum ilustrado: libros nos que o texto e a ilustración van da man e contan a mesma historia con linguaxes diferentes. Nos derradeiros dez anos a editorial consolídase e defínese como editora galega. «Fomos evoluíndo cara unha editora que xa non era a mesma do comezo sen abandonar o noso interese polo local —ademais da colección de Ferrol posúen outra da Costa da Morte e unha terceira da Mariña luguesa—, pero construíndo unha editora recoñecible no mercado galego».

A día de hoxe Embora conta con dez coleccións e soamente catro delas son para público adulto. Unha das novidades dos últimos anos foi a publicación de pequenos ensaios traídos desde outras linguas: recentemente Fascismo eterno de Umberto Eco e A contrapelo de Bel Olid, unha reflexión feminista sobre a depilación.

A crise do 2008 obrigoulles a tentar diversificar a empresa e comezaron na produción de espectáculos: «De novo unha evolución natural; o que fixemos foi aproveitar contidos que xa tiñamos en formato libro para crear representacións escénicas», como un recital de poesía de María Canosa con actores e monicreques xigantes que montou Teatro dos Ghazafelhos e que segue xirando anos despois.

Tamén puxeron en escena unha das primeiras óperas para nenos que se creou en Galicia, con músicos coruñeses e dirección artística ferrolá a cargo de Pepablo Patinho para o ciclo Pequeclássics creado por Embora e que se desenvolveu entre 2011 e 2012 para a Cidade da Cultura.

Os saltos vanse dando sen forzar a marcha, traballando dun xeito conxunto e buscando, se é posible, facelo con artistas e empresas da contorna. «A razón de perdurar nun sector aparentemente tan feble quizais sexa a de optar sempre que podemos por crear equipos e traballar en colaboración con outros, aínda que tamén é certo que a resiliencia témola moi ensaiada», apunta Miguel.

En paralelo, Embora creou unha xoia cultural que sae á luz cada mes: , que é o pouso xornalístico que queda da empresa. Unha revista en papel que se pode recoller de balde en establecementos hosteleiros ou instalacións municipais e tamén descargar na súa versión dixital. Neste mes de decembro chega aos 150 números, doce anos desta axenda onde tamén se poden ler novidades editoriais, recensións de discos e entrevistas.

A revista tamén pon en valor das propostas culturais de concellos máis pequenos das comarcas e non é soamente unha guía cultural, senón unha aposta pola creación de públicos e a difusión cultural de calidade. De cara ao futuro, ademais, prevén aumentar contidos e paxinación e xa neste novo número contará cunha versión dixital que estará en probas ata febreiro mais non substituirá á edición en papel.

«Na comarca non só hai unha cultura industrial potentísima, tamén existe un sector cultural e creativo moi talentoso e unha pequena pero sólida industria cultural que traballa desde Ferrol pero exporta a súa produción: artes escénicas, audiovisual… Non sería malo ter en conta a experiencia de toda esa xente».

Unha aposta difícil pero necesaria de cara a un futuro máis incerto se cabe, onde o dixital xa é presente e onde o ser humano vai precisar máis ca nunca do seu talento e creatividade para non ser substituído pola pantalla. Agora a cultura é indispensable pois a arte é o único que nos diferencia dos animais pero tamén das computadoras.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies