FERROL360 | Jueves 23 mayo 2019 | 20:53
Alfonso Casal Pita leva estes últimos catro anos representando a Eliximos Narón Electores (ENE) na Corporación naronesa dentro do Grupo Mixto facendo fincapé, dun xeito especial, na participación cidadá dentro da xestión municipal.
Casal traballa como enxeñeiro técnico en Navantia, estaleiro onde entrou como aprendiz en 1980. O programa da súa candidatura pódese consultar nas súas redes sociais, pero tamén nesta ligazón en galego e nesta outra en castelán.
FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes 4 anos no Concello de Narón:
ALFONSO CASAL – Primeiro erro: ser o Concello cos impostos e taxas dos máis altos de Galicia. Especialmente o rodaxe, o máis caro da provincia nos turismos máis comúns, cuxos ingresos se elevaron un 16 %, de 2 millóns no 2015 a 2,32 millóns de euros en 2018. E o IBI, cuxos ingresos se elevaron un 22,7 %, de 8,46 millóns no 2015 a 10,39 millóns de euros en 2018. Isto lles permitiu ir subindo os orzamentos ata os máis altos da historia. En contra do que di a alcaldesa, non se pode ter maior orzamento sen maiores ingresos, o que implica necesariamente máis ingresos por impostos, ben transferidos polo estado e a autonomía ou ben directos (como é o caso).
Segundo erro: Non saber administrar o Concello. Foron acumulando diñeiro durante a lexislatura e sobráronlles 17 millóns de euros de remanente no último ano, dos que uns 13 millóns son con dispoñibilidade inmediata, moitos mais cartos sen inverter que invertidos, dado que nos 4 anos da lexislatura se gastaron en Investimentos Reais 10,62 millóns de euros.
Todo isto mentres os servicios básicos non están cubertos (especialmente no rural, como é o saneamento) e a atención as persoas necesitadas é deficiente.
As actuacións de carácter económico, que son as que poderían revitalizar a economía e fomentar a creación de traballo, tampouco foron as axeitadas, pois foron de só 1,87 millóns de euros nos últimos 3 anos (se excluímos os gastos do persoal funcionario de 2,7 millóns). Tivemos cero euros de inversións nas políticas de Agricultura-Gandería-Pesca, Industria e enerxía, Infraestruturas (salvo gastos que non deberían de recollerse neste apartado), I+D+I, Sociedade información, Xestión do coñecemento, Protección ao consumidor e usuarios. En “Comercio, turismo e pequenas e medianas empresas”, empregáronse só uns 300.000 €/año (con 1/3 en subcontratas), e no transporte 100.000 €/ano, con case a metade nun servizo de bicicletas pouco útil, e o resto subvención ao transporte metropolitano.
360 – Que tres desexos pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
AC – Á Xunta, dúas residencias de maiores públicas, una para maiores dependentes e outra para non dependentes. A renovación de todos os centros de ensino públicos con criterios de eficiencia enerxética e accesibilidade, e co persoal necesario. Maior inversión na sanidade pública da Comarca para poñela á altura das necesidades.
Ao Goberno central, a mellora da conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña. O desdobramento da vía de FEVE, polo menos ata Xuvia, como xa estivo planificado para dar servizo de metro a Ferrol e Narón, ao tempo que se faría un adecentamento da zona da vía e o soterramento de algúns tramos. Ademais da inversión necesaria para ter un servizo operando correctamente.
Un cambio na política de xestión do naval, pois están a facer unha industria pantasma carente da peza fundamental para a súa supervivencia: O CAPITAL HUMANO necesario (persoal formado e cun traballo estable) tanto de persoal de obra como de enxeñería. Están a facer unha industria que xira en torno á subcontratación dos traballos (na súa maioría traballo precario) deixándolle a responsabilidade e o peso do naval á industria auxiliar que é incapaz de soster semellante lastre porque tampouco se lle garanten os ingresos e a continuidade do traballo.
360 – Narón xa tivo unha alcaldesa, para cando unha muller gobernando Ferrol?
AC – Pois supoño que máis ben pronto que tarde, pero a política ten moitos condicionantes, entre eles moitos persoais, que non animan a liderar una candidatura.
360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
AC – Nós propuxemos unha moción para que o Concello solicitase a participación como segundo administrador concursal de Poligal, como xeito de poder estar ao día de toda a información do concurso e participar das decisións que se tomasen sobre o mesmo, pero esta moción foi rexeitada por TEGA, PSOE, BNG, EU, mentres que o PP abstívose. De chegar á Alcaldía, este sería o primeiro paso que daríamos, e se no lo concedesen, segundo a información obtida se estudarían os seguintes pasos.
360 – Cal é a primeira medida que tomará se chega á Alcaldía?
AC – A revisión de todas as taxas e prezos públicos para adaptalos á realidade e á lexislación, así como a baixada dos impostos e a súa modificación con criterios ambientais. Tamén crear os equipos necesarios para comezar a estudar unha Estratexia Integral para o Desenvolvemento Sustentable de Narón a longo prazo (uns 24 anos, revisable cada 4 anos), cun equipo interno, e outro consultivo externo de técnicos e especialistas (sen remuneración) que aportasen a súa visión dende distintas áreas.
360 – Cales son as prioridades do municipio?
AC – A revitalización económica do mesmo pero con criterios sostibles con a posta en valor da zona rural tanto agraria como forestal (para o que apostamos por un polígono agrario e forestal nas Boeiras entre outras cousas); a revitalización dos polígonos industriais, coa mellora do Doing Business Galicia con descontos nos impostos para empresas que cren traballo sen condicionalo á construción de instalacións, e unha variedade de medidas para facilitar a creación de novas PYMES, microempresas e cooperativas. Apoio ao comercio de proximidade e implantación dun centro de reciclaxe e compostaxe no polígono Río do Pozo e reforma do sistema de recollida do lixo.
Completar todos os servizos básicos como o subministro de auga e o saneamento (especialmente na zona rural) e loitar polas redes de telecomunicacións de banda ancha, potenciar o transporte público e desenrolar redes de mobilidade alternativas, potenciar os servizos sociais acercándoos no posible aos veciños a través dunha rede de descentralizada de servicios.
Reforma do Padroado de Cultura, con persoal técnico de formación axeitada, e que se centre na cultura local e non na industria cultural (industria do espectáculo). Reforma do Padroado de Deportes, con persoal técnico de formación axeitada. Un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) adaptado á realidade demográfica e económica actual, e corrixindo os problemas da falta de urbanización actual. A revitalización dos barrios con axudas a través da creación de Areas de Rehabilitación Integral e a posta en marcha unha verdadeira participación cidadá.
360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
AC – Implantación dun plan de educación socio-ambiental cun amplo equipo de educadores sociais contratados para o devandito fin, con liñas de acción en materia de mocidade, infancia, igualdade, maiores e outros grupos de interese sociolóxico. Obradoiros e xornadas de información sobre temas fundamentais para a mellora da convivencia e calidade de vida.
Velar pola igualdade real de oportunidades para homes e mulleres en todos os ámbitos sociais. Potenciación da loita contra a violencia de xénero, cun servizo de prevención, información, alerta e apoio e defensa das persoas fronte a racismo, xenofobia, etc.
Fomento de hábitos de vida saudable e prevención sobre drogas e condutas aditivas. Reforzo dos modelos de lecer positivo, potenciando iniciativas culturais e deportivas dirixidas á infancia, adolescencia e mocidade.
Fomento das actividades asociativas, de compromiso coa sociedade e voluntariado, de acción social e a participación activa da mocidade.
360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
AC – Por suposto apostamos por unha diversificación da economía pero non o reducimos á industria. Apostamos por un polígono agrario e forestal porque o sector agrario e un sector básico que debemos de retomar tralo abandono a que foi sometido, e o forestal porque non está ben atendido a pesar de ter un peso económico na comarca tan importante como o sector naval, e ao redor del se podería potenciar a industria da madeira.
Débese fomentar a implantación de industria ao redor das novas tecnoloxías e os novos materiais que teñen un alto potencial de crecemento. Por outra parte, apostaríamos por potenciar as comunicacións e a loxística como un eixe fundamental para o desenrolo da comarca, para o cal sería fundamental a conexión ferroviaria con A Coruña.
360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
AC – Programa “Empresa Contrata e Forma”: convenios do concello con empresas cos que este cofinancia a formación de novas incorporacións de desempregados, de acordo ás necesidades da empresa, e achegando formadores a propia empresa e coa contratación, como mínimo, de dous terzos das persoas traballadoras formadas.
Contratación pública con inclusión de parados e/ou persoal en prácticas. Inclusión en todos os pregos de contratación municipal de obras e servizos, dun requisito para a inclusión dunha porcentaxe de traballadores desempregados, alternativamente á inclusión de persoas que necesiten efectuar prácticas laborais para facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo.
Creación dun Fondo financeiro de apoio a microempresas. Formación e apoio ao emprendemento nos sectores agrario e forestal, buscar un acordo coa actual concesionaria de Aldea Nova para o emprego das instalacións e a recuperación das misións para as que foron dotadas as instalacións. Potenciar un modelo económico sustentable, de pequena escala, baseado no territorio e a comarca. Fomento e apoio ao cooperativismo, ás actividades tradicionais e artesás, e aos produtos agrícolas.
Promover a transformación e comercialización de produtos autóctonos que as veces van en bruto para outros países. Creación dun viveiro empresarial e instalacións de coworking. Seminarios e apoio á creación de novas ideas, desenvolvemento de proxectos, dando asesoramento técnico a emprendedores, con especial apoio a desempregados, persoas con discapacidade, mulleres e mozos.
360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
AC – Cremos que é executable, aínda que debido á situación bastante caótica da xestión e da economía do Concello temos que ser prudentes cos prazos para conseguir cambiar a dinámica do Concello e poder poñelo en marcha.
360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
AC – Si pero a través da creación de pequenas empresas públicas ou mixtas que poidan cubrir as diversas necesidades e servizos públicos, por exemplo: servizo de limpeza de edificios públicos, servizo de limpeza viaria, servizo de recollida de lixos, servizo de mantemento de xardíns, etc.
360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refuxio mancomunado de Mougá.
AC – Como é un tema da mancomunidade co que non tivemos contacto descoñecemos a situación das instalacións e a súa xestión, pero estamos dispostos a mellorar no posible o benestar dos animais.
360 – Melloraron estes últimos anos as relacións entre Ferrol e Narón?
AC – Un pouco.
360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
AC – De levarse a cabo, tería que ser un proceso ordenado de medio prazo.
360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
AC – A diversidade non é mala, pero a lei electoral non está preparada para iso e acábanse perdendo moitos votos. É necesaria unha reforma da lei o antes posible.
360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
AC – Unha mellor xestión, e outra visión e outra actuación política con maior transparencia e participación cidadá.
360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
AC – Que o esforzo e moito en non ten a recompensa nin o recoñecemento necesario.
360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleiro?
AC – Seguirei na oposición desenrolando o traballo xa feito ata agora.
360 – Se continúa na Alcaldía mudaría o seu soldo? Canto considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
AC – Si, baixaría o soldo nun 10 % anual respecto do actual, co que quedaría nuns 47.500 euros brutos anuais. Seguiría sendo un bo soldo, pero si se traballa ben creo que a veciñanza aceptaríao.
360 – Está aberto aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
AC – Poderíamos apostar por acordos puntuais pero non de Goberno. Cremos que os acordos non son bos ou malos segundo con quen se tomen, senón polo fin dos mesmos, e por iso estamos abertos a chegar a acordos puntuais con calquera forza se o fin o xustifica.
360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
AC – Cremos que as relacións persoais deben quedar ao marxe do traballo político, así que o xantar institucional con todo o mundo, e a cervexa con calquera que teña un comportamento respectuoso.
360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposto a non presentarse máis?
AC – Dependería dos motivos polo que non se acada o programa, por exemplo si son motivos externos, e do respaldo do resto do equipo.
360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
AC – Si, en xeral, aínda que nosoutros tivemos moito contacto coa veciñanza e parécenos que escoitamos todo o que nos foi posible.
360 – Atrévese a facer unha aposta de resultados?
AC – Non, só esperamos acadar polo menos dous concelleiros para poder desenrolar mellor o noso traballo.