FERROL360 | Mércores 23 decembro 2020 | 12:55
O programa de axudas do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte rematará o vindeiro 1 de marzo de 2021. Unha oportunidade que o sector pesqueiro non pode deixar pasar, cunha partida global que ronda os cinco millóns de euros.
O GALP Golfo Ártabro Norte é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, creada para xestionar o Programa FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) 2014-2020 nos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne. Tamén forman parte do mesmo entidades sociais desta zona e as seis confrarías de pescadores do territorio.
O GALP xestiona un programa de axudas que ascende a case cinco millóns de euros, polo que o seu impacto no territorio é moi salientable. Ata o momento, xa se aprobaron 81 proxectos e se teñen creado máis de 30 novos postos de traballo.
Os patróns maiores das confrarías de Pontedeume e Miño, Santiago Salgado e José Manuel Fernández Lage, respectivamente, e o vicepatrón da confraría de Mugardos, Javier Villaverde, integrantes ademais da directiva do GALP Golfo Ártabro Norte, fan balance deste programa e analizan a situación actual e o futuro do sector pesqueiro.
FERROL360 – Que balance deixan estes seis anos do programa de axudas do GALP Golfo Ártabro Norte?
JOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ LAGE (JMF) – O balance é positivo porque ademais este é un grupo de nova creación, xa que somos unha escisión do antigo Golfo Ártabro, separado en dous territorios: norte e sur. Aquí somos todo xente nova e os primeiros anos foron bastante difíciles, pero xa collimos velocidade de cruceiro.
Santiago Salgado (SS) – Levo só dous anos pero igualmente, o balance é positivo xa que todo o que sexan axudas á innovación do sector pesqueiro é moi importante para nós.
Javier Villaverde (JV) – A miña opinión vai na mesma liña, as axudas do GALP son un importante impulso ó sector da pesca e do marisqueo.
360 – Estas axudas teñen contribuído a mellorar a situación do sector pesqueiro?
JMF – Somos confrarías bastante pequenas e todo o que se logre a través do GALP é para nós moi importante, xa que ademais podemos chegar ó 100 % de financiamento para os proxectos non produtivos. Son aqueles que non supoñan unha actividade económica como tal e que sexan de interese público.
SS – Á hora de obter financiamento é imprescindible contar cunha liña de subvencións coma a do GALP, xa que nós somos unha confraría pequena e case todo o que facemos son proxectos non produtivos. O feito de que a axuda poida chegar ó 100 % é algo moi importante nestes tempos. E a nivel particular, para proxectos produtivos, é dicir, actividades económicas que produzan bens ou servizos e creen emprego, o GALP oferta una liña de subvencións do 50 % podendo chegar ao 80 % nalgúns casos.
JV Son un trampolín moi importante para poder impulsar certos proxectos, xa que as confrarías por si mesmas non teñen demasiado marxe económico para poder realizar algúns proxectos en concreto. Eu falo do campo que me compete, pero estas axudas tamén se estenden a outras entidades como concellos e empresas.
360 – Como vedes a situación actual e o futuro deste sector?
JMF – O problema é que somos entidades bastante pequenas e vémonos limitados por esta circunstancia. Ademais, no caso da confraría de Miño, a metade do noso territorio é zona C e iso xa nos limita moito en canto a mellorar as vendas. Aínda así, o territorio está mellor ca antes de que comezase a funcionar o GALP, xa que gracias a este programa, por exemplo, puidemos remodelar o edificio da Casa do Mar, actual sede do GALP.
SS – É evidente que hai mercado suficiente no sector pesqueiro, pero a situación actual ten que mellorar.
JV – Eu penso que esta situación de crise pódese superar e ir mellorando co tempo e máis tendo en conta que agora temos o apoio do GALP. No caso de Mugardos, fixemos realidade a compra dun tractor híbrido para poder acondicionar as praias e a zona de marisqueo cunha destas axudas. É un proxecto pioneiro, aínda o estamos a probar, pero é unha axuda moi importante xa que sen este tractor non poderíamos mariscar neste espazo.
360 – Quedan tres meses para que finalice este programa de axudas europeas. Que mensaxe trasladades aos emprendedores que teñan en mente iniciar un negocio?
JMF – Que se animen a presentar o proxecto porque é moi interesante. Hai axudas moi boas, no sector da pesca poden chegar ó 80 % e incluso ó 100 %. E para empresas, poden chegar ata o 50 %. Son cantidades realmente salientables.
SS – Se teñen un proxecto relacionado coa pesca, ou co mar, este é o momento de empréndelo, xa que estas axudas son moi importantes e non se poden desaproveitar. En moitos casos subvencionan a metade do proxecto e incluso pode ser máis.
JV – Pois eu penso o mesmo que os meus compañeiros. Que se animen a presentar o proxecto porque aínda que poida parecer que hai moitos trámites que facer, dende o Galp asesoran e guían ós emprendedores en todo o proceso. Así que os animamos a facer realidade a súa idea de negocio dende xa.
Debate sobre el post