Home / Opinión / 'Ferrol Rebelde' / Aurelio Ribalta tivo un soño

Aurelio Ribalta tivo un soño

Aurelio Ribalta e outros membros das Irmandades na Semana Galega de Barcelona

Aurelio Ribalta e outros membros das Irmandades na Semana Galega de Barcelona

MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Venres 7 outubro | 11:29

Foi un ferrolán indignado pola marxinación do noso idioma quen vai impulsar un inmenso paso no espertar da conciencia de Galiza. Aquel intelectual chamábase Aurelio Ribalta e dirixía Estudios Gallegos. Nesta revista anticipou o ideario modernizador promovido polas Irmandades da Fala. No número de decembro de 1915 realiza unha enquisa sobre a situación do galego na escola entre o profesorado de ideas máis avanzadas. Son ben actuais as reflexións de García Niebla:

«Entendo que as pretensións de Cataluña de ensinar en catalán nas súas escolas é cousa moi axeitada á razón e xustifica a súa admirábel intuición pedagóxica. Hai tempo que teño un pensamento e no verán próximo verei de levalo á práctica: realizar cos nenos desta comarca, de once a catorce anos, unha excursión por toda Galiza e escribir unha memoria con recensións da viaxe en galego vulgar. Ofrecereillo á Sociedade de Instrución que me queira sufragar a viaxe para que sirva de libro de lectura nas súas escolas. Paréceme que a obra máis urxente que debemos realizar os educadores galegos é dar a coñecer aos nosos nenos a nosa propia terra, que non se coñece e que por tanto non se ama e engrandece».

En Europa comezaban a emerxer novos Estados: Checoslovaquia, Polonia, Finlandia, Irlanda… Prat de la Riba, da Lliga Regionalista, é nomeado presidente da Mancomunitat de Catalunya. Os procesos de emancipación nacional poñen en cuestión o bipartidismo da Restauración. A Real Academia Española exixe facer cumprir todas as disposicións legais para prohibir o catalán nas escolas e corporacións, porén Aurelio Ribalta defende perante o Ministerio de Instrución Pública a igualdade e dignidade de todos os idiomas falados no Estado español e a necesidade de velar pola súa difusión e florecemento.

Antón Vilar Ponte divulgou este soño nunha obra fundamental El nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional. Nel encoraxaba á unión de todas aquelas persoas dispostas a estender o uso do galego: na escrita e na fala, en público e en privado, en actos formais e informais, de maneira consciente e sistemática. Dedícalle o libro: «Ao mestre Aurelio Ribalta, gran poeta e concienciudo filólogo, milagre de inmunidade para os contaxios variolosos e doutra índole do centralismo».

Ao chamamento de Vilar Ponte acudiron trinta e dous homes e unha muller. Este grupo fundou na Coruña a primeira Irmandade da Fala o 18 de maio de 1916 na rúa Rego de Auga 36. Dez anos antes, en 1906, fundárase a Academia Galega cun discurso de Murguía: «Pueblo que olvida su lengua es un pueblo muerto». Foi un acto en castelán. Para corrixir estas incoherencias, o artigo primeiro dos estatutos da Irmandade explica cal é o seu humilde obxectivo, daquela profundamente transgresor: «Falar entre os asociados o idioma galego». En poucos anos teceron unha rede de vinte e sete Irmandades por todo o país. Primeiro na Coruña, despois en Compostela, Monforte, Pontevedra, Ourense, Vilalba e, o 15 de abril de 1917, Ferrol. Todas as Irmandades respondían a un único compromiso: «Todo por Galiza e para Galiza».

Unha personalidade excepcional como Carvalho Calero só se pode entender neste contexto, o dun Ferrol culto e moderno que realizou unha grande achega á cultura galega.

*Os roteiros ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ guiados por Marcos Abalde son os sábados de outubro (1, 8, 15, 22 y 29) ás 17:00 horas e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14 ou no enderezo electrónico gnl@ferrol.es.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies