Home / Cultura / Canido prepárase para encher de festa as súas prazas e rúas desde este mércores cos Maios

Canido prepárase para encher de festa as súas prazas e rúas desde este mércores cos Maios

REBECA COLLADO / M.C. | Ferrol | Mércores 3 maio 2017 | 14:01

Desde este mércores e ata o domingo o barrio de Canido será unha festa para celebrar por todo o alto Os Maios. Actuacións musicais, obradoiros, actividades de confraternización para facer barrio e un longo programa de actos compoñen a programación deseñada pola asociación de veciños.

Roberto Taboada, presidente da entidade, explica a nova directiva leva a penas un mes en funcionamento e marcáronse como primeiro obxectivo sacar adiante a organización da festa. «Puxémonos en contacto cos comerciantes e hostaleiros e foi moi gratificante traballar directamente e tomar decisións entre todos», sinala.

Salienta que este mércores comeza a festa coa inauguración dunha mostra fotográfica de imaxes dos Maios dos anos 70 e 80, cedidas por parte da veciñanza, no centro cívico do barrio ás 17:00 horas e unha merendola interxeracional de seguido no mesmo lugar.

«A través do obradoiro de memoria soubemos que hai moitos anos o día 3 de maio, o día de Santa Cruz, a SRCD Canido e a AVV facían unha merenda para a xente maior do barrio e quixemos recuperala, pero poñendo nun mesmo contexto ás xeracións novas e de maiores», comenta Roberto.

Para a ocasión teñen preparada unha escenografía que rememora unha casa tradicional e alí haberá un micro aberto para que os maiores aporte esa memoria da festa dos Maios. Pola súa banda, os peques ofrecerá algunha actuación musical. A asociación extendeu o convite a esta merenda á residencia de maiores Mi Casa e tamén á de Caranza.

O xoves, ás 18:00 horas, obradoiro de Maios e arranxos florais con Olga Basterrechea tamén no centro cívico. A idea é que cada vex máis xente participe na construción de maios e se anime a crear o seu. Ademais comezarán a funcionar as atraccións de feira na rúa Poeta Pérez Parallé ata o domingo.

Programación fin de semana

O venres comezan os días grandes de troula. Ás 17:00 horas haberá unha nova sesión do obradoiro de Maios no centro, pasarrúas cos Xotas e os cabezudos á mesma hora, gravación do programa de radio Filispím vai… tamén no centro cívico ás 18:00 horas, conta contos de Pablo Pablísimo no parque da Fenia á mesma hora, concerto de Riff-Raff na praza da Auga ás 19:00 horas e de Malditos Pendejos no Cruceiro ás 21:00 horas.

O sábado a xornada comeza cun novo obradoiro de Maios ás 10:00 horas, o Payaso Piruleta no parque da Fenia ás 11:00 horas, o V Certame Literario Escolar Inventa unha flor no centro cívico ás 12:00 horas e á mesma hora master class aberta de zumba e pilates no parque da Fenia con Espacio Vivo.

Roberto salienta a colaboración que existe entre a AVV e a entidade Muíño do Vento, encargada do concurso literario e que para o presidente da asociación de veciños é «o xérmolo de recuperación dos Maios entre os cativos». Considera Taboa que é importante «recuperar a cuestión de barrio e o traballo con outras entidades», por iso a filosofía da nova directiva é «que a AVV sexa unha especie de paraugas onde aglutinar as actividades das distintas entidades do barrio».

Ás 13:00 horas Los Zares estarán na praza de Auga e ás dúas da tarde haberá pasarrúas cos Maios, Os Xotas e cabezudos, ademais de sesión vermú con Sr. X no Cruceiro. Ás 18:00 horas haberá maxia co Colectivo Máxico Ferrol no parque da Fenia, ás 19:00 horas concerto de Rockers & Fredy na praza da Auga e ás 21:00 horas sesión con DJ Marcial Bescos no Cruceiro.

O domingo, derradeiro día de festexos, comeza co pasarrúas de Berros do Castro e os cabezudos ás 11:00 horas, a mesma hora da misa na igrexa de Santa Cruz, pero xa dende as 10:00 horas comeza a recollida de aportacións para o Toldo solidario na Tafona. Ás 12:00 horas haberá obradoiros infantís no centro cívico -cómpre inscribirse antes no 981 944 912-, e tamén concerto da Banda Ferrolá de Música na praza da Auga. Ás 13:00 horas tamén na praza de Auga haberá capoeira internacional coa Ronda Luanda e abrirá as súas portas o Toldo na Tafona.

Comida veciñal Ocupa a rúa

Superglú porá a música na sesión vermú do Cruceiro e ás 15:00 horas comezará a comida veciñal Ocupa a rúa, pola rúa Alegre dende o Cruceiro ata onde chegue a comitiva. Roberto explica que «queremos que os veciños se impliquen en baixar as súas mesas e cadeiras, que sexan distintas para visualizar a pluralidade do barrio». A idea, engade, é «crear vínculos co entorno e co resto das persoas para recuperar o sentido de veciñanza».

Ás 17:00 horas haberá xogos populares detrás do instituto e ás 18:00 horas sesión con Ferror DJ’s Sergio e Capi no Cruceiro. Por último, o presidente da AVV agradece o apoio do Concello do Concello para poder sacar adiante a festa e sinala que a programación musical é unha proposta organizativa do goberno local.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies