Home / Actualidad / Carlos del Río: «Jorge Suárez non tivo acertos, este Goberno foi un desastre»

Carlos del Río: «Jorge Suárez non tivo acertos, este Goberno foi un desastre»

Carlos del Río [cedida]
Carlos del Río [cedida]

FERROL360 | Luns 20 maio 2019 | 21:40

Carlos del Río entrou en Ferrol en Común hai catro anos como parte da cota de Podemos na formación de esquerdas. Non tardou en comezar un enfrontamento co rexedor, Jorge Suárez, e agora preséntase por libre baixo as siglas de Xuntos Actúa.

As propostas da formación pódense atopar na súa páxina de Facebook. Co pobo por bandeira, Del Río non ten pelos na lingua. Afirma que podería pactar polo ben da cidadanía, pero nunca coa dereita e menos aínda con Vox. Iso si, tomaría unha cervexa con calquera que fora boa persoa.

FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes 4 anos no Concello de Ferrol:
CARLOS DEL RÍO – Primeiro, alonxarse do programa deseñado antes das eleccións e non cumprilo, polo que se terminou facendo políticas case que de dereita. Segundo, alonxarse da xente, do pobo, unha equipa de goberno ten que estar preto do cidadáns, ten que ser parte da veciñanza e non un ente extrano a ela. Acertos non vemos ningún destacábel, este Goberno foi un desastre.

360 – Cal foi o erro máis grave que se cometeu no Goberno e como podería telo evitado?
CdR – Aínda que non formamos parte do Goberno como partido si é certo que como ex membro de Podemos formei parte do pacto que deu como resultado o partido que hoxe goberna e, polo visto, durante a lexislatura, ese foi o maior erro: confiar na
xente que facía promesas que beneficiaban ao pobo e que despois nunca cumpriron.

360 – Que tres desexos pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
CdR – Mellorar as comunicacións cun tren de calidade entre Ferrol e Coruña; abaratar a AP-9, e garantir o futuro de Navantia, así como resolver o problema de Poligal.

360 – Narón xa tivo unha alcaldesa, para cando unha muller gobernando Ferrol?
CdR – Para o antes posible. Nós queriamos ter unha candidata, eu quería pasar ao número dous, pero ningunha das nosas compañeiras quixo dar o paso e o Consello Político decidiu que fora eu o candidato. Queremos que sexa o antes posíbel, hai que feminizar a política.

360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
CdR – Nós contemplamos axudar a todos os ferroláns sen excepción. Para nós non hai ferrolán de primeira e de segunda. Como é evidente os traballadores de Poligal están entre as nosas prioridades de axuda. Se chegamos ao Concello o primeiro sería reunirnos cos traballadores municipais e o segundo cos de Poligal e Navantia.

360 – Cal é a primeira medida que tomará ao chegar á Alcaldía?
CdR – Falar cos traballadores do Concello, uns traballadores satisfeitos e ben considerados melloran a atención a toda a cidadanía ferrolá.

360 – Cales son as prioridades do municipio?
CdR – Buf, moitísimas! Bolsa municipal de emprego e de vivenda, recuperar a economía, asegurar o futuro de Navantia, resolver o tema de Poligal, mellorar as infraestruturas e as vías de acceso á cidade… Moitísimo por facer. Algunhas cousas non son competencia municipal, pero pódese negociar. Outras si se poden facer e non agardar a que outro as faga. Por exemplo, o transporte urbano. Cómpre recuperar a competencia e dar un servizo de calidade, facer unha cidade enerxéticamente sostible e autofinancible, recuperar tamén a auga para abaratar o seu prezo.

360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
CdR – Reserva de prazas nas bolsas municipais de vivenda e emprego para mulleres vítimas de violencia machista, creación dunda escola municipal de inclusión social onde os drogodependentes teñan un departamento de formación e procura de vías de axuda para a desintoxicación. Paridade dos salarios nos traballos municipais. Faremos un día de celebración LGTBi e garantiremos a renda de todas as persoas empadroadas.

360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
CdR – Temos que facer unha aposta polo traballo público por un lado e pola industria da enerxía polo outro. As enerxías limpas e renovables son o futuro, e debemos apostar por elas como sistema de produción, pero tamén como industrialización da cidade.

360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
CdR – Primeiro, asegurar que teñan onde formarse na cidade; segundo, unha bolsa municipal de emprego, e terceiro: estudaremos facer convenios con empresas que se asenten na cidade para que prioricen a contratación.

360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
CdR – O programa nós facémolo para cumplilo, e a nosa intencion e facelo ao 100 %. Como imos dotalo de partidas económicas dependerá das contas do Concello. Por iso, o primeiro que temos que facer e unha auditoría interna das contas do Concello, a partir de aí veremos as mellores opcións.

360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
CdR – Si, sempre.

360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refugio mancomunado de Mougá.
CdR – Facer melloras estruturais e acadar máis fondos para o coidado dos cans. De calquera xeito cremos que ao ser un refuxio mancomunado deben aumentar as axudas de todos os concellos. Queremos, ademais, crear unha web para fomentar as
adopcións.

360 – Melloraron estes últimos anos as relacións entre Ferrol e Narón?
CdR – Con rotundidade: non.

360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
CdR – Depende de que municipios, pero, por regra xeral, si. Tamén que desaparezan as deputacións e restruturar as funcións do Senado.

360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
CdR – Chámase liberdade de pensamento e é unha técnica que veu para quedar. Temos que acostumarnos a ela. Parécenos extrano porque estamos afeitos a un bipartidismo. Sen dúbida, a multilateralidade das ideas é boa e enriquece. Paréceme ben sempre que se presenten para axudar á sociedade. Chámase democracia.

360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
CdR – Todo o que non aportaron os que foron alcaldes ate o de agora: compromiso coa cidade, amor por Ferrol, traballo e honestidade.

360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
CdR – Apoio total.

360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleiro ou concelleira?
CdR – Se non gaño a Alcaldía seguirei traballando por Ferrol desde o posto que me otorguen os cidadáns. E seguirei facendo todo o mellor que saiba para que a vindeira ocasión acade a súa confianza, pero sempre con honestidade e a prol da cidade.

360 – Se chega á Alcaldía, mudaría o seu soldo? Cando considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
CdR – É probábel que o reduza. Agora mesmo non sei nin o que cobra Jorge Suárez, pero con total seguridade será moito. Sobre o que debe cobrar un alcalde ou alcaldesa coido que deberiamos implantar por lei un convenio regulador, como en calquera outro traballo.

360 – Está aberto ou aberta aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
CdR – Estamos abertos a pactar sempre que sexa en beneficio dos e das cidadás de Ferrol. Non pactaría con VOX nunca, e tampouco con ningún partido que este pactando o tendo acordos coa ultradreita reacionaria. Case que imposible co PP, por non decir totalmente imposible. En xeral, coa dereita non creo que se den as condicións para pactar nada nunca. A partir do PSOE cara a esquerda creo que con todos.

360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
CdR – Creo que a relación persoal debe quedar apartada da política. Seguro que as ideas con determinados políticos de algúns partidos nunca me deixaría pactar nin a compra dun parafuxo, pero saíndo da política todos somos persoas, non se pode misturar trato persoal con política. Así que, sempre que demostren ser boas persoas, non facer dano a ninguén, e axudar a os seus conveciños, ou polo menos intentalo, tomaría unha cervexa con calquera, aínda que fose para discutir de política.

360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposto ou disposta a non presentarse máis?
CdR – Non só iso, senón que dimitiría.

360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
CdR – Probablemente si a teñan, por iso nós non somos políticos profesionais, somos veciños e veciñas que, considerando que esa afirmación é moi certa, decidimos facer un partido político composto de veciños e veciñas dos barrios, para que os veciños teñan voz. Porque os políticos profesionais mintes bastante e, en campaña, son diferentes a o resto do tempo.

360 – Atrévese a facer unha aposta de resultados?
CdR – Si claro. Haberá un goberno de progreso na cidade, nós entraremos no Concello, e os veciños e as veciñas se sentirán representados e con voz durante os vinceiros 4 anos.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies