Home / Cultura / Cine / Chelo Loureiro: «Son unha persoa que non me poño máis problemas dos que hai por diante»

Chelo Loureiro: «Son unha persoa que non me poño máis problemas dos que hai por diante»

TEXTO e FOTOS: ALICIA SEOANE | Ferrol | Luns 1 agosto 2022 | 11:22

Vai unha tarde solleira e despois de meses detrás de Chelo Loureiro conseguimos atopar un tempo para falar con tranquilidade. Un cafeciño no Lusitania non é nada doado entre premios, presentacións do filme Valentina, idas e voltas, roldas de prensa e tantas outras cousas.

A vida de Chelo Loureiro é un ir e vir desde a Cabana ―o seu lugar de base― ao mundo. Pouco para por aquí, pois o mundo da produción esixe moverse. Ao lombo leva unha traxectoria de proxectos impecábeis: nove nominacións aos Goya, premio no 2017 á mellor curtametraxe de animación co filme Decorado e, recentemente, o Goya ao mellor filme de animación por Valentina.

Falar con Chelo Loureiro é sinxelo. Ela pon paixón en cada proxecto que explica, fala de todo o seu pasado como se aínda estivese a acontecer, co mesmo brillo nos ollos e o mesmo entusiasmo. É unha desas mulleres que sabe facer que acontezan os imposíbeis; sen dúbida, unha desas ás que unha escoita sabendo que ela sabe abrir portas. Un referente para seguir a traballar poñendo sempre o corazón por diante. Coa súa confianza e xenerosidade comezamos a falar.

FERROL360 – Levas anos facendo posible a produción de proxectos audiovisuais, non debe ser sinxelo saber moverse no mundo do financiamento, aínda que mirando a túa traxectoria pareza doado…

CHELO LOUREIRO – É curioso como en Galiza se da unha particularidade no mundo da produción, xa que a maioría de produtoras somos mulleres. Isto non pasa noutras partes, pois somos minoría nos ámbitos empresariais, pero facemos un traballlo que moita xente non sabe ben de que trata. A Asociación Galega de Produtoras Independentes fixo un documental que se estreou en Pontevedra hai uns meses: Elas, produtoras executivas. Fixéronnos entrevistas a todas e unha compañeira, Amalia Mato, dicía: «Levo trinta anos nesta profesión e miña nai aínda non sabe o que fago». [Bota unha boa gargallada].

Moitas veces temos a imaxe de Hollywood, de homes que teñen pasta a moreas e a realidade de aquí non é así. Eu teño de todo menos pasta. [Máis risas]. O que pasa neste ámbito e noutros moitos é que as mulleres facemos cousas pero non nos vendemos. Sacámolas adiante pero cústanos máis visibilizarnos. Esa é unha diferenza entre os homes e as mulleres. Os homes fano e cóntano e nós só o facemos. Quizais eles saben que se non se conta non existe e niso pode que nós teñamos moito que aprender aínda.

360 – Cóntame un pouco, como foron eses comezos teus no mundo do estaleiro?

C.L.- Conteino tantas veces que xa me dá ata vergoña. Neses anos eu tiña claro que tiña vocación artística pero sabemos que ter independencia económica no mundo da arte é moi complicado. Eu veño dunha familia de catro mulleres. Meus pais sempre nos dicían que estudásemos algo que nos permitise non depender economicamente de ningún home. Eles eran moi feministas sen sabelo. Eu teño unha peculiaridade que sempre digo: son bicéfala, a metade da miña mente é das artes e a outra metade das ciencias. Dábanseme ben e fixen unha carreira técnica. Ao tempo, presenteime a unhas oposicións en Bazán.

Non tiña pensado facer iso porque tiña montada unha libraría co meu mozo. Por curiosidade, presenteime animada por unha amiga. Finalmente, entrei. Alí aprendín moitísimo de feminismo. Foi unha escola de aprendizaxe porque eu estaba nun mundo de homes. Eu quería demostrar que era capaz de facer porque sabía que alí ninguén estaba a mirarme como Chelo senón como muller. Eramos as primeiras mulleres en entrar neste mundo e dinme de conta de que o meu labor non era máis que demostrar que podiamos facelo. Tamén había homes moi capaces pero non sabía nada do mundo das mulleres, así que foi unha aprendizaxe para todos. No momento que Bazán entra na OTAN eu, que son antibelicosa, sentín que aquel non era o meu sitio.

360 – Aprendiches a falar na linguaxe dos homes?

C.L.- Sobre todo aprendín a moverme nun mundo de homes. No ámbito cultural o sector máis complicado a nivel de financiación é o cine porque require de moitos cartos. Para unha película precisas de moita xente ás veces traballando moitos anos. O cine móvese no mundo da economía; a economía segue a estar en mans masculinas, así que aos homes ás veces lles custa máis confiar nas mulleres á hora de dar cartos, quizais por unha cuestión histórica. E eu tiña esa aprendizaxe de traballar nun mundo de homes.

360 – Cos anos acabas traballando na Galería Sargadelos, xa máis metida no sector da cultura. Como chegas a facer esta viraxe laboral?

C.L.- Antes de chegar a Sargadelos estiven a traballar na parte de deseño de La Voz de Galicia. Entro co cambio no xornal para facer a renovación da maqueta. Estiven dous anos alí e é cando me chaman para abrir unha galería de arte en Ferrol. Pareceume moi interesante porque para sustentar a parte das exposicións tiñamos que vender tamén. É curioso como no mundo da arte te atopas con artistas aos que non lles gusta manexarse no mundo económico. É verdade que eu teño ambas partes.

No mundo saxón hai menos problemas á hora de falar dos cartos, pero aquí os artistas parece que teñen máis dificultades á hora de falar de números. Hai que aprender a moverse no mundo dos cartos para que as cousas sexan sostibles. Hai que monetizar, se non é imposible facer as cousas. Temos que pensar en que podemos vender para poder vivir dun proxecto. Aquí é complicado porque parece que os cartos ensucian as cousas, e non é así porque, se non, non podes pagar os custos da vida.

360 – Cal foi a túa experiencia deses anos de tanto movemento cultural na galería?

C.L.- A min interesoume moitísimo o proceso de democratización da arte que se deu dentro de Sargadelos. Artistas da talla de Díaz Pardo ou Luís Seoane déronse conta de que finalmente a súa obra só podía ser comprada por xente de cartos e que a xente que eles defendían era xente proletaria que nunca podería mercar as súas obras. Aí Sargadelos deuse conta de que a única maneira de facelo accesible era levar a arte a aquelas pezas de uso diario.

Se un prato o fas co deseño de artistas, estás levando a arte ás casas da xente. Eles inspirábanse na arquitectura tradicional galega para reproducila nas vaixelas. Estas ideas parecíanme fantásticas e non me custa vender as cousas en que creo. Puidemos facer grandes exposicións porque vendiamos moitísimo. Nos cinco anos que estiven en Ferrol tamén convencín a Hijos de Rivera para cambiar a columna de cervexa de Estrella Galicia, e foi a peza máis vendida na historia da cerámica de Sargadelos.

Custoume dous meses convencer a Estrella Galicia e custoume dous anos convencer a Díaz Pardo para que a deseñara. Iso si que é crer en algo. Creo que o meu forte é analizar coa miña parte científica a situación e coa miña parte artística facelo posible. É verdade que eu non teño medo a que me digan que non, e isto axuda. Estar na galería permitiume coñecer tamén todo o talento que temos en Galicia, desde pintores, escritores… Hai talento en moitas facetas.

360 – Co tempo acabas montando Diario de Ferrol, como foron eses anos?

C.L.- Ferrol ten en conta que é a cidade de Galicia onde naceu o maior número de cabeceiras xornalísticas, e resulta que co tempo era a única cidade galega que non tiña cabeceira, pois desde Ferrol Diario non houbera outra. O director de LaVoz de Galicia que traballaba na época na que estiven comentoume: «Ti sempre dixeches que Ferrol tiña que ter unha cabeceira, por que non a montamos?». Ramón Díaz xa estaba metido neses momentos no Grupo Capital, e pediume que levase este proxecto.

Eu cría nunha cabeceira independente na que se precisaban 50 persoas, cun bo equipo comercial para a xente que quixese ter información local da comarca. Aí contratamos o director, Germán Castro, e todo o cadro de persoal. Para facer viable o proxecto tiñamos o compromiso de ter en cinco anos amortizado o investimento pero conseguímolo en tres e contamos co compromiso dos traballadores, que tiveron menos soldo nos primeiros anos.

360 – Teño a impresión de que cando cres nunha cousa parece que tes moita confianza en poder facela posible, case como se fose doado…

C.L.- Esforzo e horas custa moitísimo, pero é verdade que se fas as cousas con paixón vívelas doutro xeito e un pouco de todo isto fala a película de Valentina. A miña irmá tiña unha discapacidade e nós medramos na normalidade disto. Se ti sabes que tes unha irmá que non vai poder facer certas cousas, dáste conta de que tes todo por diante. Eu sempre sentín que era privilexiada por poder levar a cabo certas cousas que para miña irmá requirían un enorme esforzo. Creo que esta visión tamén me fixo ser unha persoa que non se pon máis problemas dos que hai diante. Por que non vou ser capaz de facer algo? Sempre hai que intentalo…

360 – Como foi o salto ao mundo do audiovisual?

C.L.- Normalmente vou decatándome cando un proxecto vai deixando de ter o mesmo sentido para min, e normalmente é cando comezo a aburrirme. Aí xa mal vamos. Así que ás veces unha cousa me vai levando a outra. Pedíronme por casaulidade se podía buscar o financiamento para un proxecto de animación e así comecei. Alá polo 2004, chamáronme de Continental para comezar o meu traballo de produtora executiva na área de animación que comezaba a facerse en Galicia neses anos. Pero eu tiña claro que o que quería facer eran proxectos artísticos de animación independente. Eu prefería facer este cine máis de autora e que ten a súa personalidade. Por iso comecei facendo a película De Profundis, con Migel Anxo Pardo e Nani. Este tipo de cinema permite facer películas con artistas de aquí.

360 – Levas moitos anos reivindicando o papel da muller no cinema e na súa industria, por que cres que as historias creadas por mulleres teñen máis dificultades de financiamento?

C.L.- Agora mesmo a realidade é que isto é unha torta. O diñeiro é o que é. Hai moitos directores e se non aumentan os cartos no cinema, algúns terán que quedar fóra para que poidan entrar mulleres. Isto é matemática pura. A muller fai cinema rendible e isto está demostrado. Pero se un director leva feitas cinco películas e vén unha muller a pedir financiamento e non fixo ningunha previamente, ás veces tamén isto xoga na contra. Pero hai que dar a posibilidade porque se non nos perdemos a visión de máis da metade da poboación.

Cando empezamos a entrar no cinema comezamos a gañar premios e a demostrar que somos creadoras e consumidoras de cultura. Moitas mulleres non nos sentiamos representadas pola imaxe feminina que sempre está sexualizada e vencellada ao home. Dende a CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales) estamos a traballar e denunciar todo isto: por que un home aos 70 anos pode aparecer como un galán e unha muller queda xubilada a unha idade, por exemplo? E se analizas os papeis que teñen incluso cando son protagonistas, ás veces teñen menos diálogos e menos números de plano que un protagonista secundario masculino. O enfoque da muller costuma ser de costas, de perfil, para que se lle vexan as curvas, e o do home de primeiro plano. Agora por fin podemos ir ao cine e ver historias coas que sentirnos identificadas.

360 – Como cres que afecta a maternidade a un sector que require de rodaxes infinitas, parece que a conciliación é un soño imposible no sector?

C.L.- Indubidablemente o cinema é moi duro para conciliar e pouco a pouco van facéndose melloras. Unha actriz embarazada non pode traballar, xa só polos seguros, que son de cantidades imposibles. Pero efectivamente a conciliación é algo onde queda moito por facer, xa sexa no mundo audiovisual ou noutros sectores. Agora estanse a permitir garderías dentro das rodaxes e, pouco a pouco, vanse dando pasos. A conciliación é unha cuestión de Estado. Se queremos que haxa fillos temos que cubrir as necesidades que implica telos. Isto vaise ter que regular e non o vexo tan lonxe.

360 – Cando xa montas a túa produtora, Abano producións, non deixas de conseguir éxitos. Nove nominacións aos Goya e o último que vés de gañar co filme Valentina. Como ves agora co tempo toda esta traxectoria?

C.L.- Ben. [Ton dubitativo] Un éxito, aínda que depende do que entendamos por éxito. Éxito para unha empresa é gañar diñeiro, que se fagan cartos, iso teño que dicir que non aconteceu… Pero si gañamos premios e facemos posibles os proxectos. Temos que ser realistas, cantos amigos teus van ver filmes de animación de maiores ás salas? Se entendes o éxito como algo económico non é éxito, pero si o é poderse manter e levar a cabo boas películas. Para min é un éxito porque sei o que fago e ata onde podo chegar. Poder sacar o proxecto adiante é o éxito. Hai filmes cos que levamos quince anos para levantalos.

360 – Con Valentina estreácheste como directora e levas un Goya á mellor película de animación. Non sei se é un éxito pero non está nada mal…

C.L.- Con Valentina levabamos 5 anos producindo e creando a historia coa miña filla, Lúa Testa. Esta película ten moito que ver coa miña vida e co que vivín na casa coa miña irmá. Para min o tema da discapacidade era algo interiorizado que quería trasmitir de forma moi natural, porque estas cousas se non as tes interiorizadas é difícil transmitilas ben. Eu de nena sempre vivín situacións que non comprendía: por que miña irmá ás veces me preguntaba as cousas a berros, como se non escoitase, ou como se non entendese? Cousas que cando vives con outras persoas daste de conta que non é preciso facer.

Eu quería que esta película fose unha aventura, que fose tamén entretida, non facer un drama senón contar a historia da nena dun xeito normal. Agora estamos nun momento de moitos discursos inclusivos, pero na escola seguen a pasar moitas cousas que reflicten que a sociedade segue a ter prexuízos. Non é un tema normalizado. O único que queren moitos nenos é que lles dean un trato igual que a calquera outro, pero tendo en conta que todos somos diferentes e temos as nosas fendas e as nosas dificultades. Eu non quería xubilarme pasadomañá sen facer este proxecto. Para min esta viaxe de Valentina foi unha grande aprendizaxe e unha homenaxe a miña irmá.

360.- Véxote con moita paixón para xubilarte mañá…

C.L.- [Risas]. Ben, estou cansa, xa son sesenta e catro anos, son anos traballando, pero son consciente de que non podemos facer todo na vida.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies