FERROL360 | Martes 25 febreiro 2020 | 18:55
Fene ultima os preparativos do seu Entroido 2020, que este mércores celebra o desfile con dezanove comparsas que participarán no evento a partir das 17:30 horas na rúa Río Cádavo de Perlío. Tamén se informa para ese día dun corte de tráfico a partir da mesma hora de inicio nesa rúa.
Ademais, a partires das 18:00 horas se cortará a avenida Marqués de Figueroa, o cruce de Fene, avenida Naturais e avenida do Concello namentres dure o desfile de comparsas até a praza do Alcalde Ramón José Souto González.
As agrupacións que participarán este ano serán Os Argalleiros, ASCM, Troupele Troupele, As Xoaniñas de Chao, A Canteira, Oje Ferrol, A Revolta de Trasancos, Colexio Belén, Anpa CEIP Centieiras, Os Scratchados, Os Parrandolos, Semente de Trasancos, Volvemos en 5 minutos, 100% Ferrol, Santa Compaña, Paso a Paso, Domus Vi, @ máis mellores e Os Mecos.
Percorrido das comparsas
Deste xeito, as comparsas concentraranse ás 17.30 horas na rúa Río Cádavo de Perlío, para iniciar ás 18.00 horas o seguinte percorrido: avenida Marqués de Figueroa, cruce de Fene, avenida Naturais e avenida do Concello ata chegar á praza do Alcalde Ramón José Souto González.
Dende o Concello lembran que durante o desfile, que terá unha duración aproximada dunha hora, pecharanse ao tráfico de vehículos as rúas afectadas.
Unha vez finalizadas as comparsas, comezará na praza do Alcalde Ramón José Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene, o festival de comparsas, coa presenza da «Viuva» do Entroido.
O programa do Mércores de Cinza completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá.
Debate sobre el post