Home / Actualidad / Iván Rivas: «Como imos saír adiante se os que deberían botar unha man non nola quitan do pescozo?»

Iván Rivas: «Como imos saír adiante se os que deberían botar unha man non nola quitan do pescozo?»

Iván Rivas [cedida]
Iván Rivas [cedida]

FERROL360 | Venres 24 maio 2019 | 10:45

Iván Rivas chegou ao Concello de Ferrol como concelleiro do BNG a finais de 2011 logo da renuncia de Xoán Xosé Pita. Oito anos despois lidera por segunda vez a proposta nacionalista cunha bagaxe ás costas que recruou o seu discurso pero mantén intacta a súa defensa dos «intereses da veciñanza».

Cun programa vertebrado en catro eixes -pódese consultar nesta ligazón-, o BNG quere dar a sorpresa e liderar un goberno de esquerdas que non recue diante do Goberno central e a Xunta de Galicia en temas como o convenio con Defensa ou a xestión de servizos como a auga e o lixo.

FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes 4 anos no Concello de Ferrol:
IVÁN RIVAS – Dous acertos: Praza de Armas e eliminación da limitación para presentar propostas e mocións ao pleno. Dous erros: entregarse ás empresas que xestionan os servizos básicos como a auga, o lixo ou o transporte e desenvolver o austericidio económico na cidade, acumulando diñeiro para entregarlle aos bancos mentres a cidade se cae.

360 – Que tres desexos pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
IR – Trataríase de demandas, non de desexos, como se eles non fosen culpables de nada. Non son os Reis Magos, teñen competencias e responsabilidades nesta cidade polas que teñen que responder: transporte, dependencia, pagar os tributos que teñen obriga de pagar e non o fan, desde Navantia até Defensa pasando pola Autoridade Portuaria, por poñer un par de exemplos.

360 – Narón xa tivo unha alcaldesa, para cando unha muller gobernando Ferrol?
IR – A política desgrazadamente é un reflexo da realidade máis crúa de retroceso e falta de dereitos que estamos vivindo. Esta resposta soño con que a conteste algunha muller en non moitos anos. As mulleres teñen que ter a súa propia voz, do mesmo xeito que os galegos e galegas non queremos que falen por nós desde Madrid ou Berlín.

360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
IR – Os plans Ferrol foron un engano repetido durante 20 anos que só serviu para entregar diñeiro fácil a empresas como Poligal. Poligal montou as instalacións que agora deslocaliza en Polonia e Portugal con diñeiro público. O mínimo que deberían facer as administracións responsables, Xunta e Estado, é fiscalizar a onde foron a parar todos eses cartos públicos, pedir explicacións á empresa do seu uso e aclarárlle á dirección da empresa que non van a permitir que con cartos públicos monte instalacións e outros Estados para abandonar as que que ten na comarca.

360 – Cal é a primeira medida que tomará se chega á Alcaldía?
IR – A primeira sería devolver a depuradora ao seu propietario que é a Xunta para que se responsabilice dunhas obras que foron declaradas de interese xeral, que desenvolveu o Estado e que encima nos queren cargar os sobrecustes da súa execución aos veciños e veciñas.

Outra das decisións sería anular o convenio con Defensa porque nos abriría un mundo novo onde poder cobrarlle impostos ao Ministerio. E unha decisión que ninguén ate este momento se atreveu a adoptar, que é a peonalización integral do barrio da Magdalena. Unha redistribución do tráfico pechando unhas rúas e deixando outras abertas non é peonalizar, é provocar máis caos e máis conxestión. Necesitamos a valentía para poder facelo e creo que no momento actual calquera destas decisións só o BNG ten a valentía ou a disposición para adoptalas.

360 – Cales son as prioridades do municipio?
IR – Conseguir recursos económicos para investilos na cidade. Para isto temos que incidir en varias liñas que nos permitan despois investir en servizos esenciais prestados desde o Concello que xeren emprego e calidade de vida. Temos que comezar por desvendar a realidade para rematar cos abusos á veciñanza, tanto das administracións públicas como das transnacionais que xestionan servizos básicos como a auga, o lixo ou a enerxía.

Navantia só paga o IBI por orde xudicial. EMAFESA, que nos pasa ao cobro todos os meses puntualmente por taxas da auga, depuración e saneamento, non paga o canón que supostamente lle dá permiso para facer negocio coa auga. O Ministerio de Defensa, que ocupa o 20 % do solo urbano do Concello, non paga un euro por todo ese espazo, e ademais decidiu que tampouco pagaría nada por propiedades que ten abandonadas como o Sánchez Aguilera, a pesar de ter as mesmas obrigas tributarias que temos os demais.

A Xunta, visto o visto, decidiu que tributos que paga noutras cidades en Ferrol non o ía facer. Nin pola ampliación do hospital nin pola depuradora supramunicipal ten pensado pagar un euro. A Autoridade Portuaria deixa de pagar 0,7 millóns de euros ao ano porque o Goberno local llo consinte e a Igrexa, exenta de pagar polos lugares destinados ao culto, tampouco paga por outras propiedades como aparcadoiros ou vivendas da súa propiedade. Como imos saír adiante se os que nos deberían botar unha man non nola quitan do pescozo?

360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
IR – Todas estas cuestións están na parte do programa Persoas, que intenta propor medidas e unha cidade con calidade de vida, acceso á vivenda e á diversidade de todo tipo en xeral, sen crear guetos nin medidas estancas. Podedes consultalo de xeito integral na nosa web.

360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
IR – Ao final acabamos crendo as nosas propias mentiras… O sector naval é unha industria de enclave. O cal quere dicir que xera diversificación industrial por si mesmo como ningún outro sector. O problema non é adicarnos ao sector naval, o problema é que temos as gradas baleiras nos estaleiros. Porque Ferrol non estivo nunca tan diversificado como cando había carga de traballo nos estaleiros. É unha sorte que saibamos facer barcos, a desgraza é que non nolos deixen facer, e estamos chegando ao punto de que os que nos impiden facer o que sabemos facer nos convenzan de que o fan polo noso ben. E ningún lugar do mundo renunciaría a facer o que sabe facer.

360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
IR – O certo é que o noso programa difire do resto porque non facemos promesas etéreas. Nós apostamos claramente pola dignificación dos servizos públicos que presta o Concello para municipalizalos e que sexan xeradores de emprego e actividade económica derivada deles. Non queremos falar por outros nin de competencias que non son nosas para non queimar máis a esta cidade chea de sacos rotos de promesas.

A xente moza é a máis cualificada e con máis competencias tecnolóxicas e profesionais, necesarias para desenvolver os traballos que unha administración local precisa. É necesario ter en conta ademais a necesidade de poboación que precisa Ferrol, polo que garantir traballo a través da municipalización dos servizos é básico para dar solución a ambos problemas.

360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
IR – O único programa electoral que explica e traballa de onde imos sacar os recursos que despois queremos investir na cidade é o do BNG. E por outra parte os préstamos non son máis que un xeito de ingreso na nosa sociedade. E por tanto o problema é a onde destinamos ese diñeiro e cal é ou vai ser o destino dese diñeiro non o préstamo en si.

360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
IR – Si.

360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refuxio mancomunado de Mougá.
IR – Ferrol non pode seguir dando as costas aos aspectos relacionados co benestar animal. É preciso desenvolver o marco legal e dotalo de recursos económicos, atendendo aos puntos máis quentes nestas políticas (o refuxio e coidado de mascotas en situación de abandono, o control e ordenación das colonias de gatos ou a irrupción de animais salvaxes en zona urbana).

A concellería que asuma Benestar Animal debe contar cunha partida orzamentaria específica e desenvolver un “Plan anual de actuación para o benestar animal e a convivencia cidadá”. Desde esta concellaría débese constituír unha “Mesa de traballo e participación”, onde estean representadas as asociacións que traballan neste ámbito e profesionais veterinarios que dun xeito altruísta están a colaborar con elas; impulsar o compromiso dos outros concellos para ampliar e mellorar as instalacións de Mougá, asegurando os dereitos dos animais acollidos e canalizando unha liña de adopcións responsábeis.

360 – Melloraron estes últimos anos as relacións entre Ferrol e Narón?
IR – A principal diferenza é a xestión conxunta do Plan Urban / Edusi, que valoramos positivamente. O resto dos servizos están igual: o lixo, a depuración, o servizo de extinción de incendios…

360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
IR – Que fagan un referéndum como en Catalunya.

360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
IR – Que a política é simplemente un reflexo da realidade social na que vivimos inmersos e inmersas.

360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
IR – Un discurso que só temos nós, o BNG de Ferrol e que un grupo de persoas, co apoio de veciños e veciñas vimos defendendo nos últimos tempos con resultados palpables.

360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
IR – Teño a fortuna de ter unha familia e amigos que me apoian en todo o que fago. Até a miña sobriña de 5 anos quere que gane o que ela chama a carreira dos alcaldes.

360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleiro?
IR – Iso será unha decisión de todo o equipo non tan só miña, pero aí estará o BNG iso seguro!

360 – Se continúa na Alcaldía mudaría o seu soldo? Canto considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
IR – Creo que todo o mundo debería cobrar un soldo digno e correspondente co seu traballo, como penso que está en múltiples declaracións de dereitos. Pero por desgraza vivimos nun mundo mísero no que hai especuladores que cobran soldos abusivos mentres botan xentes das casas e van contra os débiles.

360 – Está aberto aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
IR – Non existen alternativa que non sexa a dos pactos. Aqueles que se presentaron a estas eleccións dicindo que a única alternativa era unha maioría absoluta xa perderon. Creo que isto é unha realidade, non só nesta cidade senón en moitos outros lugares. Por tanto, os pactos son inevitables. O que si teño claro é que canta maior representación teña o BNG na próxima corporación municipal, maior será a súa posición para defender os intereses dos veciños e veciñas contra os abusos que levan soportando tanto desde as administracións públicas como as transnacionais que xestionan en función exclusiva dos seus intereses económicos os nosos recursos e servizos básicos como o lixo ou a auga.

360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
IR – Seguramente estarían mellor entre eles, pero en calquera caso con Jorge Suárez.

360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposto a non presentarse máis?
IR – Se goberno tede por seguro que os principios modestos que se levan no noso programa vanse facer. Mais de todos os xeitos poderei deixar igual o Concello e tamén máis orgulloso co traballo feito que levemos adiante.

360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
IR – Que lle pregunten á xente de Santa Mariña que din que estabamos nós máis preocupados e preocupadas polos seus problemas que elas e eles e agora nos apoian.

360 – Atrévese a facer unha aposta de resultados?
IR – Non.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*