FERROL360 | Xoves 23 maio 2019 | 22:13
Jorge Suárez leva catro anos na Alcaldía de Ferrol. Preséntase de novo por Ferrol en Común logo dun mandato complicado en minoría con sete edís. Porén, semella que a ilusión fica intacta como o primeiro día mais non haberá unha terceira vez, por código ético e amor á familia.
Sen pelos na lingua, Suárez endureceu as súas críticas contra aqueles «poderes non democráticos» que «pretenderon dar unha imaxe frívola» do seu Goberno. O programa de FeC pódese ler ao completo nesta ligazón.
FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes 4 anos no Concello de Ferrol:
JORGE SUÁREZ – Comezo cos acertos, mellor sempre o positivo por diante, non? Acerto foi a capacidade de loita e esforzo das sete persoas que levamos adiante o goberno da cidade, contra todos os elementos e incomparecencias da oposición, que antepuxeron os seus intereses aos da veciñanza. Esta capacidade traduciuse en proxectos concretos en todas as áreas, melloras sociais en benestar, incremento do emprego, obras que levaban décadas esperando como mercado de Caranza ou praza de Armas, Ferrol coma centro cultural.
Como erros, dende logo a inxenuidade, pensar que máis alá de siglas os plenos ían ser lugares de debate aberto e construtivo, e non unha lameira na que regodearse bloqueando ao Goberno. E, en segundo lugar, non intensificar a nosa loita e decisión en aspectos como a municipalización do servizo da recollida de residuos.
360 – Se estivo no Goberno local esta pasada lexislatura, cal foi o erro máis grave que cometeu e como podería telo evitado?
JS – O erro máis grave foi non estar previdos contra os poderes non democráticos que aínda imperan nesta cidade, que pretenderon dar unha imaxe frívola dos que gobernamos, atacando incluso ás nosas vidas persoais.
360 – Que tres desexos pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
JS – A liña ferroviaria Ferrol- A Coruña, o Estaleiro 4.0, o derrubo da muralla do Arsenal.
360 – Narón xa tivo unha alcaldesa, para cando unha muller gobernando Ferrol?
JS – Esperemos que en 2023 unha muller de Ferrol en Común goberne esta cidade. De todas formas, o núcleo central de decisión do goberno foi de mulleres, as concelleiras das áreas centrais, urbanismo e benestar, xefa de gabinete, xefa de prensa e secretaria de grupo, fan deste goberno un orgullo feminista.
360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
JS – Acompañamos ao cadro de persoal en todas as súas reivindicacións. O Estado debe aprobar un decreto lei de urxencia que evite o toma el dinero y corre de subvencións públicas que fan grandes multinacionais. Non se trata de caridade, trátase de loita da clase traballadora contra os poucos que acumulan máis riqueza.
360 – Cal é a primeira medida que tomará se chega á Alcaldía?
JS – Facer todo o posible por rachar a taxa de reposición e poder contratar a entre 40 ou 50 funcionarios e funcionarias. Se non será inasumible cumprir calquer programa, sexa do partido que sexa. O magnífico cadro de persoal actual ten unha capacidade de traballo e entrega pola cidade incríbles, pero son insuficientes para que Ferrol progrese.
360 – Cales son as prioridades do municipio?
JS – Máis emprego, máis poboación, mellores servizos.
360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
JS – Primeiro, desenvolvemento e aplicación do regulamento do Consello sectorial municipal de igualdade, feminismos e diversidade. Dous: programas de prevención da violencia machista, seguindo a senda de Ferrol en Negro dende idades temperás. Tres: crear a escola de empoderamento feminista, de carácter itinerante; favorecer a visibilización e a participación das mulleres e mozas de colectivos com necesidades sociais. Catro: creación do Observatorio de Intervención en Dereitos Humanos e necesidades sociais. E, por último, a creación dunha asesoría intergral para a mocidade e adolescencia, que proporcione información e recursos, que a dinamice e a poña en valor, para erradicar o bullying, o consumo de drogas e fomente a alimentación saudable, o voluntariado, os programas de educación sexual, o coidado do entorno.
360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
JS – Sen renunciar á construción naval pública, motor da cidade, hai que procurar a diversificación, a través de pequenas e medianas empresas, vinculadas ás TIC, no apoio ao cooperativismo de servizos sociosanitarios e do sector primario, á economía circular que nos faga autosuficientes. A obra pública e a rehabilitación tamén se están a converter nunha fonte de emprego importante. Pero creo que é enganar á cidadanía prometer solo industrial, cando non se fixo nada dende 2008 en Leixa-Mandiá e existen Río do Pozo e Vilar do Colo. Se non lle damos unha perspectiva comarcal ao desenvolvemento no haberá desenvolvemento.
360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
JS – Un plan de emprego específico destinado á mocidade 2019-2023 e un programa de apoio ás cooperativas integradas por xente moza.
360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
JS – Logo de 4 anos de goberno, elaboramos un programa realista e consensuado, aspirando ao cambio na cidade pero coñecendo as limitacións orzamentarias do pazo municipal. A maiores, os máis de 15 millóns de fondos europeos acadados no noso mandato dannos soporte para executar o noso programa.
360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
JS – Si, sendo conscientes do marco lexislativo que nos constrinxe. É factible naqueles servizos co fin de contrato, non tanto nos que teñen contrato en vigor.
360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refuxio mancomunado de Mougá.
JS – Acaba de publicarse un novo prego com respecto absoluto ao benestar animal por parte da mancomunicade, invito a todo o mundo a lelo e estudalo na páxina da mancomunidade de Ferrol, avanzouse moito nestes catro anos, aínda que todo é mellorable.
360 – Melloraron estes últimos anos as relacións entre Ferrol e Narón?
JS – Moito, no persoal e no político.
360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
JS – Máis que unificación eu falaría de avanzar na unidade de acción en servizos que poden ser moito máis eficientes xestionados de forma conxunta
360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
JS – É unha expresión da riqueza democrática da nosa cidade.
360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
JS – Humildade, rigor, traballo en equipo.
360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
JS – Apoian a decisión, aínda que supón un esforzo e sacrificio importantes, o cal agradezo e faime reforzar a miña admiración pola miña parella.
360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleiro?
JS – Farei o que Ferrol en Común quera que faga
360 – Se continúa na Alcaldía mudaría o seu soldo? Canto considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
JS – Non é algo que estea agora mesmo na miña cabeza, non son unha persoa ambiciosa no económico, considero que a riqueza verdadeira está nos afectos.
360 – Está aberto aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
JS – Dicir que non se quere pactar é negar a evidencia. Dende logo non pactaría con ninguén que non respecte os dereitos humanos básicos.
360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
JS – Con todos tomaría algo. Somos todos persoas coas mellores das intencións, con independencia da nosa ideoloxía. Coa candidata de Vox non podería, é o único límite. Ademais, están en campaña?
360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposto a non presentarse máis?
JS – Non me vou presentar máis, xa que o noso código ético, que eu asinei, limita os mandatos a 8 anos. E quero moito á miña familia para un tercer mandato.
360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
JS – Eu vivo a pé de rúa e trato de escoitar a todo o mundo, dentro do que podo abranguer.
360 – Atrévese a facer unha aposta de resultados?
JS – Vai gañar a esquerda e, polo tanto, vai gañar Ferrol.