Home / Actualidad / Marián Ferreiro: «En Narón rachamos teitos de cristal e fun a primeira de moitas alcaldesas»

Marián Ferreiro: «En Narón rachamos teitos de cristal e fun a primeira de moitas alcaldesas»

Marián Ferreiro (cedida)

FERROL360 | Martes 21 maio 2019 | 14:19

En setembro de 2017 Narón facía historia nomeando á primeira alcaldesa do municipio. Marián Ferreiro tomaba o bastón de mando da cidade relevando a José Manuel Blanco logo do seu paso cara a xubilación.

Ferreiro lidera a candidatura de Terra Galega cun programa que pode lerse na súa páxina de Facebook e tamén consultarse na súa sé, na rúa Rei Católicos de Santa Icía. Ademais, tamén dan conta das propostas nos actos que estes días están desenvolvendo nas parroquias do municipio.

FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes 4 anos no Concello de Narón:
MARIÁN FERREIRO – En política, como en calquera outra área ou profesión, cométense erros, pero o importante é recoñecelos e subsanalos na maior brevidade. Afortunadamente, nestes catro anos foron os menos e considero que os acertos na xestión da equipa de goberno están aí e as nosas veciñas e veciños coñécenos perfectamente. Por resumir en dous, fumos quen de aprobar o orzamento máis alto da historia de Narón, conxelando ou reducindo impostos e mantendo débeda cero, ao tempo que mantivemos ou aumentamos os investimentos en parques, obras, cultura, deporte, benestar social.

360 – Cal foi o erro máis grave que cometeu no Goberno local e como podería telo evitado?
MF – Considero que un dos meus erros foi pensar que os grupos da oposición ían desenvolver dende a corporación local unha oposición construtiva, achegando ideas que redundasen no benestar da veciñanza. A pesar de todo, o Goberno mantivo sempre a man tendida e o espírito de diálogo xa que para nós a única prioridade é a calidade de vida das veciñas e veciños de Narón.

360 – Que tres desexos pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
MF – Á Xunta pediríalle novas instalacións, como a construción dun novo colexio en Narón, e acondicionar os actuais á altura das necesidades desta cidade e destes tempos. Tamén unha residencia para persoas maiores, para a que ofrecemos os terreos que precisen, e un Centro Integrado de Formación Profesional. Por suposto, e aínda que xa van tres desexos, non poido evitar pedir celeridade nas obras de construción do novo centro de saúde, para que poida entrar en funcionamento o antes posible e que se reabra a escola de Pedroso.

En canto ao Goberno central que a través da Entidade Pública Empresarial do Solo rebaixe o prezo das parcelas industriais e modifique a clasificación urbanística do solo en As Boeiras para uso non industrial. E tamén que modernice a conexión ferroviaria, actualmente moi deficiente e propia doutros tempos, especialmente coa cidade da Coruña. É algo imprescindible non só para Narón, senón para toda a comarca. Por último, que Acuaes –organismo dependente do Goberno central- xestione o sistema xeral de saneamento.

360 – Narón xa tivo unha alcaldesa, vostede, para cando unha muller gobernando Ferrol?
MF – Iso deberíano responder os partidos políticos de Ferrol, aínda que vendo o panorama non parece que vaia ser no curto prazo. En Narón xa rachamos teitos de cristal e, estou segura, serei a primeira de moitas alcaldesas que virán detrás.

360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
MF – Nós ofrecemos dende o primeiro día aos representantes dos traballadores e traballadoras de Poligal o noso apoio. Puxémonos á súa disposición e fixemos constar a nosa vontade de colaborar en cantos actos ou mediacións considerasen oportunas e así o fixemos e continuaremos facendo. Estamos do lado do cadro de persoal de Poligal e apostamos polo feito de que esta empresa manteña a súa actividade en Narón e iso é que continuaremos defendendo en todo momento nas competencias propias da nosa administración.

360 – Cal é a primeira medida que tomará se volve á Alcaldía?
MF – Iniciar os trámites do orzamento municipal do vindeiro ano e continuar con todos os proxectos que están actualmente en marcha e que non son poucos.

360 – Cales son as prioridades do municipio?
MF – A continuidade dos traballos para a implementación do saneamento na zona rural, da humanización de barrios e das obras de eficiencia e accesibilidade están entre as nosas prioridades, sen descoidar, por suposto, a atención ás veciñas e veciños a través dos diferentes servizos municipais e calquera medida que redunde nunha mellor calidade de vida dos naroneses e naronesas.

360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
MF – O terceiro Plan de Igualdade do Concello de Narón e campañas de prevención e sensibilización ante situacións como a drogodependencia ou a ludopatía, que xa realizamos este ano. As medidas nestas áreas están encamiñadas a ofrecer información á cidadanía a través de diversas actividades e iniciativas a impulsar dende o Concello. Tamén desenvolveremos programas de axuda á conciliación entre a vida laboral e familiar e obradoiros de corresponsabilidade, así como actividades de sensibilización contra a violencia de xénero, participando activamente en programas como eo 25N En negro contra as violencias.

360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
MF – Considero que a diversificación é fundamental nestes tempos nos que nos atopamos, iso si, sen deixar de lado o sector naval, no que se centran varias empresas da nosa cidade e da comarca e onde traballan centos de familias. Diversificar é compatible con manter o traballo nos estaleiros da ría.

360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
MF – O Concello non ten competencias directas en materia de creación de emprego. Dende a administración traballamos arreo, e así o seguiremos facendo, na área de formación, onde si temos competencias directas. Continuaremos demandando á Xunta que conceda accións formativas con certificacións axeitadas para atender as demandas do mercado laboral da nosa comarca e, a maiores, un Centro Integrado de Formación Profesional onde se poidan impartir cursos de loxística, comercio internacional… Tan só nos últimos catro anos o Concello ofreceu algo máis dun cento de accións formativas, con máis de 18.000 horas.

360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
MF – Na actualidade, o Concello de Narón ten a cero a débeda bancaria. Considero que atendendo á situación económica desta administración e dos proxectos expostos no programa de Terra Galega, que son perfectamente viables e executables sen ter que recorrer a créditos. Temos un programa realista e acorde coa situación da nosa cidade e dez compromisos concretos que poremos en marcha no próximo mandato.

360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
MF – En Terra Galega non estamos en contra da remunicipalización de servizos, pero, iso si, depende de que tipo de servizos esteamos a falar.

360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refugio mancomunado de Mougá.
MF – Son ideas que se toman no seo da reunión da propia Mancomunidade e xa se contemplan melloras para estas instalacións no último prego, que actualmente está en fase de admisión de ofertas e que suporán un incremento da achega económica dos concellos que integran este organismo.

360 – Melloraron estes últimos anos as relacións entre Ferrol e Narón?
MF – Si. Considero que nos últimos catro anos as relacións entre Narón e Ferrol foron moito mellores que no anterior mandato. A equipa de goberno de Narón apostou sempre pola vontade de manter unhas boas relacións non só co concello de Ferrol, senón tamén co resto de municipios e administracións supramunicipais.

360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
MF – Pois nese caso habería que saber de que municipios estamos a falar e da situación de cada un deles. No caso de concellos con poucos habitantes e extensión si que se poderían estudar este tipo de propostas.

360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
MF – A pluralidade considero que sempre é unha boa opción, sempre e cando chegue dun xeito construtivo e co fin de defender os intereses das veciñas e dos veciños, non dunhas siglas, sexan as que sexan.

360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
MF – Unha combinación de experiencia no traballo da administración local da cidade e tamén unha nova visión para mudar certas cousas e innovar na medida do posible en materia de actividades, servizos…

360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
MF – Pois tanto a miña familia como os meus amigos e amigas están dacordo coa decisión que tomei de presentarme e apoiáronme dende o primeiro día, algo que dende aquí aproveito para agradecerlles.

360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleira?
MF – O meu compromiso é con Narón e por Narón seguirei traballando, como alcaldesa ou na oposición se as veciñas e veciños así o decidisen.

360 – Se continúa na Alcaldía mudaría o seu soldo? Canto considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
MF – Se continúo á fronte da Alcaldía de Narón non modificarei o meu soldo. É o mesmo que tiña o anterior alcalde e está dentro –incluso por debaixo- dos baremos establecidos para unha cidade como a de Narón. Os límites das retribucións dos alcaldes están estipulados por lei cuns topes máximos en función do número de habitantes de cada cidade.

360 – Está aberto ou aberta aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
MF – Si. De feito en Narón estamos gobernando nun tripartito con outras dúas formacións. Iso si, para chegar a un pacto hai que sentarse e determinar claramente os programas cos que nos comprometemos coas veciñas e veciños, debendo manterse. E, por suposto, hai uns límites en canto a certas ideoloxías políticas, coas que por suposto dende Terra Galega nunca pactariamos.

360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
MF – Con calquera. Xa acudín en varias ocasións a comidas institucionais con representantes de todos os partidos da corporación local naronesa e non tería problema en tomar algo con eles tampouco.

360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposta a non presentarse máis?
MF – Si. En Terra Galega presentamos un programa cunhas propostas viables, realistas e que se poden executar nos vindeiros catro anos, polo que poderemos facelas realidade nos seguinte mandato. Eu xa asumín publicamente dez compromisos concretos para 2019-2023 e teñen a miña palabra de que os cumprirei.

360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
MF – Pois no caso de Narón iso non é certo. Os edís da equipa de goberno teñen unhas horas á semana de atención ao público nos seus despachos do Concello, algo que non acontece en moitos concellos. A maiores, facilítase o seu número de teléfono ás persoas que precisan contactar con eles noutro horario, e dende Alcaldía tamén atendemos con citas aqueles casos que así o requiren de particulares ou que se derivan dende as propias concellerías.

360 – Atrévese a facer unha aposta de resultados?
MF – Si que me atrevo, de feito xa a fixen, pero queda para a intimidade. Só podo dicir que confío plenamente en que as naronesas e naroneses revalidarán a súa confianza no proxecto que encabezo.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies