Home / Cultura / Seis mulleres ‘rumorosas’ estrean no Jofre unha viaxe de ‘metateatro’ ao desexo feminino

Seis mulleres ‘rumorosas’ estrean no Jofre unha viaxe de ‘metateatro’ ao desexo feminino

As protagonistas de 'Que din as rumorosas' nun dos ensaios (foto: Alicia Seoane)

Texto: MARTA CORRAL Fotos: ALICIA SEOANE | Ferrol | Mércores 22 marzo 2023 | 16:00

Maquinarias Teatro, a compañía ferrolá capitaneada por Helga Méndez, estrea este xoves 23 de marzo no teatro Jofre a comedia Que din as rumorosas, unha peza de creación colectiva que é unha viaxe no tempo para afondar nas figuras de seis grandes mulleres artistas galegas, mais tamén é unha ollada ao presente das artes escénicas en feminino e ás eivas que o propio elenco atopa para se dedicar a elo desde o propio desexo.

A estrea, que vai precedida dun primeiro pase este mércores para os mecenas que fixeron posíbel a peza, será contra ás 20:30 horas e aínda quedan algunhas entradas a un prezo de 5 euros que se poden mercar na billeteira ou nesta ligazón. Cinco actrices e unha bailarina subirán ao escenario para asumir a vida propia e a allea e así, por exemplo, a propia Méndez será tamén Maruja Mallo.

A Marian Rei tócalle meterse na pel de Maruxa Villanueva, a Eugenia Sanmartín na de Eugenia Osterberger, a Caterina Barro na da Bella Otero, Cristina Mariño terá que compartir corpo con Mercedes Mariño y Carmen Cotelo con María a Balteira. «Seis artistas do presente en diálogo con seis artistas do pasado», valora Méndez, coa que falamos por teléfono esta mesma semana, namentres traballaba na residencia previa que están desenvolvendo no Jofre co respaldo do Concello de Ferrol.

Música orixinal dun ferrolán

É un «cóctel de humor e amor» no que mesturan a interpretación co canto e coa danza para falar da arte «como un camiño inevitable» no que cómpre loitar pola conciliación vital e contra a precariedade, unha loita na que as seis están instaladas. A actriz e escritora fenesa Paula Carballeira encargouse da dirección da peza e o pianista ferrolán Andrés Pazos, compositor e mestre no Xan Viaño, asumiu arranxos a unha ducia de composicións orixinais. Pecha a equipa Diego Vilar, do Grupo Creativo RTA, no deseño de iluminación.

Foi no 2022 cando preto de 200 persoas mecenas fixeron posíbel coas súas achegas que o proxecto dera os seus primeiros pasos e, de feito, puideron darlles as súas recompensas hai pouco nun evento programado no centro cívico de Canido: «Foi moi laborioso, pero moi bonito, pagou a pena», conclúe. A Deputación da Coruña premiou as rumorosas cun dos galardóns no marco do Premio Luisa Villalta a Proxectos pola Igualdade.

Un metateatro colectivo e feminista

«Eu empecei a contactar con estas mulleres a finais do 2021 logo de verme cunha inmensa tristura saíndo da pandemia. Quería chamar a mulleres potentes e de aquí, darlles o valor que teñen, que temos as compañeiras, e facer un proceso creativo colectivo», explica Helga, incidindo en que son todas ferrolás agás Carmen Cotelo, que é da Coruña.

Apunta que estamos ante unha peza de metateatro, onde cada unha conta a historia dunha artista «que nós escollemos porque nos movía o corazón e, a partir de aí, cadaquén escribiu a súa escea». Houbo despois un traballo case artesanal para encaixar unhas con outras e meter entre elas, aconselladas por Carballeira, a intrahistoria do presente no que as seis se interpretan a si mesmas: «Falamos das nosas inquedanzas, dos obstáculos, das alegrías, dos motivos que nos moven a seguir facendo arte…».

Pretenden «dar visibilidade á precariedade das artes escénicas, de xeito especial para as mulleres, que aínda por riba estamos máis asoballadas polos canons estéticos e facemos o imposible por conciliar cos coidados», apunta Helga, insistindo en que, con todo, é unha comedia para rir «do sistema artístico patriarcal».

Agora, despois da insistencia de Maquinarias Teatro, da perseveranza da propia Helga Méndez, o Jofre abriulles as portas nesta residencia técnica que agradecen moito, dándolle as grazas tamén a toda a equipa do teatro. Logo deste xoves, xa teñen unha data pechada o 1 de abril en Redondela e andan na procura de contratos para xirar por toda Galicia: «Temos dous formatos, este completo que imos estrear agora, e outro máis pequeno coa idea de adaptarnos a outros escenarios», explica, agardando que podan seguir espallando ás mulleres artistas de antes e de agora polo resto do país.

Comentar

Su dirección de correo electrónico no será publicada.Los campos necesarios están marcados *

*

En Ferrol360 utilizamos cookies para que tengas la mejor experiencia de usuario. Si continúas navegando, estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies. Puedes pinchar el enlace para tener más información. ACEPTAR
Aviso de cookies